Luns. 16.12.2019
El tiempo
Miro Villar
09:43
24/10/19

Adeus ao poeta Xosé Leira López, un dos promotores das «Aulas no Camiño»

Aulas no Camino
Aulas no Camino
Adeus ao poeta Xosé Leira López, un dos promotores das «Aulas no Camiño»

Unha mensaxe do poeta fisterrán Modesto Fraga e posteriores notas dos medios de comunicación trouxeron a mala nova do pasamento do noso común amigo o poeta Xosé Leira López (Valdoviño, 1951 – Ferrol, 2019).

Autor pouco prolífico á hora de publicar, malia ser un dos membros fundadores por volta de 1977 do celebrado Grupo de Comunicación Poética Rompente, relegou a súa actividade lírica ao íntimo e só moitos anos despois deu ao prelo a súa única obra individual intitulada Canto custa instalarse no amor (Espiral Maior, 1996), con fermoso limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín e con epílogo do finado sociólogo Fermín Bouza Álvarez. Porén, os seus versos pódense atopar en moitas outras obras colectivas, as máis delas de carácter reivindicativo como a antoloxía Alma de Beiramar (Asociaciación de Escritores/as en Lingua Galega: 2002), unha colectánea de versos contra a incompetencia canda o desastre ambiental da marea negra do Prestige.

Da man de Modesto Fraga coñecemos a Xosé Leira López, Pepe Leira para as súas amizades, na época do nacemento do Batallón Literario da Costa da Morte. De feito, ao rastrexarmos a hemeroteca atopamos no ecuador da década dos noventa a súa participación nos recitais poéticos que o colectivo soneirán Arre Sentelha! organizaba no Castelo de Vimianzo, como poeta convidado, xunto á poeta Rosa Méndez Fonte.

Desa fructífera colaboración naceu un diálogo poético interxeracional que lle permitiu convidar a unha pequena representación do Batallón a recitar na inauguración do curso na Facultade de Humanidades de Ferrol, na que era profesor de Socioloxía. Aló estiveron Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Xavier Rodriguez Fidalgo e Rafa Vilar (tamén estaba prevista a miña asistencia, que non puido ser por problemas de axenda de última hora).

Xosé Leira López tivo unha excelsa vinculación coa vila de Fisterra, pois foi un dos promotores das «Aulas no Camiño» da Universidade da Coruña, xunto coa profesora e poeta Rosa Méndez Fonte. Nestas xeiras que se realizaban a final de cada curso, aló polo mes de xullo, o alumnado participante facía etapas dos diversos camiños que levan a Santiago de Compostela e sempre con prolongación até Fisterra, mesmo aínda cando a igrexa católica non recoñecía este itinerario. Nesas xeiras desenvolvíanse sempre actividades culturais e literarias paralelas e unhas delas viña sendo un recital de poesía que adoito tiña como escenario o faro de Fisterra.

Na fotografía que acompaña esta anotación, feita por Carmen López e cedida por Alexandre Nerium, recóllese o recital en xullo de 2002, que poñía remate a unha viaxe de 20 alumnos e alumnas con esa lectura poética celebrada no faro de Fisterra, onde interviron Manuel María, os citados dous profesores e poetas Xosé Leira López e Rosa Méndez Fonte, e os fisterráns Xoán Alberte Moure e Alexandre Nerium. Noutras edicións outras voces do Batallón acompañaron aos dous poetas infatigables organizadores do evento.

Na memoria de Xosé Leira López reproduzo deseguida dous poemas da súa autoría, o primeiro aparecido no único libro que quixo dar ao prelo e o segundo é aquel texto de solidariedade.

Que a Terra che sexa leve, caro amigo e compañeiro na Repúblic das Letras!

a mesa e o pano de Camariñas
e o cacharro ovalado de barro de Bonxe
e o Xesús de Misterio
e os plátanos e as laranxas e as mazás
e as peras e as cirolas de California

e Ti

***

I
Penetrou o fuel oil
nas badías do teu corpo
como un semen negro

e saímos á rúa
para esixir castigo
do violador
                   e os seus cómplices.

II
Os nosos berros
en Muxía, Compostela e Madrid
ficarán para sempre inscritos
nos pentagramas da carraxe
e nos futuros caleidoscópicos
dos pobos ergueitos.

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Outros artigos de Miro Villar en QPC

comentarios