Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Miro Villar
14:25
28/01/20

Bazarra, un topónimo singular do noso territorio

Bazarra-Cee-Toponimo
Bazarra-Cee-Toponimo
Bazarra, un topónimo singular do noso territorio

Resultan encomiables e meritorios os recentes labores de investigación e de divulgación en materia de toponimia realizados polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), que perseguen a recuperación e a conservación da nosa memoria colectiva nese ámbito. 

As diferentes liñas de traballo abranguen varias iniciativas, como a campaña de charlas denominada Toponimízate, que xa visitou concellos como Mazaricos e Muxía, centrada na difusión da toponimia local e en ensinar o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada. Este recurso, dispoñible nunha versión de escritorio e tamén nunha aplicación para móbiles Android e iOS, posibilita que calquera persoa faga chegar topónimos ou microtopónimos da súa contorna. Todas as propostas das persoas usuarias da app contarán coa obrigada supervisión dos especialistas do Seminario de Onomástica da RAG. Ese espazo virtual permitirá xeorreferenciar os nomes do territorio e poder acompañalos de fotografías, textos e gravacións coa súa pronuncia, lendas asociadas ou descricións.

A maiores, tamén serán material para alicerzar a chamada colección Terra Nomeada, na que até hoxe viron a luz os volumes dedicados aos topónimos de Ames, Agolada, Trabada, A Estrada e Begonte e Rábade.

No meu/noso territorio da infancia e da mocidade sempre nos causou fascinación o singular topónimo Bazarra da miña parroquia natal de Toba (Cee), un topónimo hoxe de sobras escoitado grazas a que unha gasolineira, que o pasado ano celebrou o 50 aniversario nesa ubicación, decidiu con excelente criterio preservar o nome do lugar.

Para nós posúe ademais outra significación emotiva, xa que nos tempos de estudo nas diversas facultades compostelás quen fixemos a viaxe centos de veces nos autocares, lentos, na daquela empresa "Finisterre", ao chegarmos a Bazarra viamos por vez primeira a ría, o Mar. Era a constatación de que xa estabamos de novo na casa familiar.

A singularidade de Bazarra como topónimo pódese consultar no portal Toponimia de Galicia, onde é o único resultado en todo o territorio galego (ver imaxes). Máis feraz é a procura na Cartografía dos Apelidos de Galicia, do Instituto da Lingua Galega (ILG), que documenta 251 apelidos Bazarra, coas maiores porcentaxes nas localidades de Porto do Son, con diferenza, Muros e Noia, só superadas polas cidades en números absolutos, por razóns obvias derivadas da emigración rural ás áreas urbanas. 

Bazarra - Apelido

O meu interese polo topónimo levoume a consultar con dous grandes especialistas na disciplina. Pregunteilles cal podería ser a súa orixe ou o seu significado? E engadía, a xeito de hipótese, talvez "lugar alto", pois desde ese lugar, á entrada de Cee, pódese ollar toda a ría de Corcubión. Ou tería que ver con algún patronímico?

Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, escritor e tradutor, con moitos recoñecementos, era unha das persoas idóneas pois entre a súa obra están varios traballos sobre toponimia, entre os que salientan Fitoponimia galega (2006), Toponimia de Catoira (2007) ou O nome dos lugares. Saiáns (2011), ademais de facer parte da Asociación Galega de Topinimia e da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, que ditamina a oficialidade.

Navaza, sempre cauteloso nas súas sabias interpretacións, fíxome chegar a súa opinión:

"Así de entrada non che podo dicir nada con seguridade, pero hai unha raíz prerromana bac- ou bac(i)- (eu creo que debe de ser prerromana, pero tamén hai outras hipóteses, mira o que di Corominas para BACÍA) presente en derivados que serven para denominar concavidades e recipientes: o propio bacía (castelán, galego, portugués, catalán e tamén con parentes en occitano, en francés, en italiano….; en castelán é ben usual o seu derivado bacinilla), e en galego bazoca, bazoco, bazanca, ademais doutras variantes con alteración da pretónica, bizoca, buzaca, buceta, bozoca, etc., se cadra con interferencia dos derivados de bucio e doutras familias léxicas; talvez teña relación con eles bazuncho etc. O portugués miñoto ten un BASSA (supoño que sería mellor grafía BAÇA) co significado de TINALHA (tómoo dun traballo sobre léxico minhoto que hai na Revista Lusitana XXIX, páx 249; está a revista enteira na web, no portal do Instituto Camões)… Coñezo in situ algúns topónimos galegos Bazoca, Bazanca (publiquei un breve comentario sobre eles nun estudo da toponimia de Rebordechán, en Crecente) e As Bizocas (onde está o IES do Grove) e son sempre terreos con concavidades que se encharcan coas chuvias… os sufixos –oca, –anca son frecuentes no léxico prerromano, e o mesmo pasa con –arro/–arra… É moi verosímil que tamén a raíz sexa prerromana… En conclusión, creo que ese Bazarra ha de ser topónimo prerromano e que fará referencia a algunha concavidade que se encharca. Dis que está nun alto, pero iso non quita para que haxa (ou que houbese no pasado) unha depresión no terreo que se enche de auga no inverno…"

Convoquei tamén o parecer do profesor e latinista, tamén escritor, Fernando Cabeza Quiles, quen neste ámbito é autor de obras fundamentais como Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992); Os nomes da terra: topónimos galegos (2000); Toponimia de Galicia (2008); A toponimia celta de Galicia (2014) ou Toponimia da Estrada (2018).

Cabeza Quiles concorda sobre o que di Gonzalo sobre o topónimo Bazarra, a partir dunha posible base prerromana *BAC ou BAC(I), 'depresión, oco, concavidade'. Unicamente matiza: "pero, máis que a unha pequena depresión de terreo que se enche de auga no inverno, penso que Bazarra alude a un fondal máis grande. Tamén considero que o nome da súa parroquia matriz, Toba, se pode referir á mesma depresión orográfica noutro dos seus puntos. O tal fondal podería ser o que ocupa o lugar de Toba de Abaixo e a area recreativa, especialmente onda os muíños. Para isto que eu che digo colla forza e verosimilitude, os lugares de Toba de Abaixo, a area recreativa e Bazarra (o primixenio, pois supoño que hoxe a aldea estará estendida) terían que estar próximos ou moi próximos entre si. Tamén podería suceder que o topónimo Bazarra se refira a algunha encosta ou terreo en pendente da depresión, que se ve moi ben, segundo creo recordar, dende o lugar de Toba de Arriba. En toponimia os conceptos de fondal e encosta, que forman parte da mesma realidade orográfica, poden aparecer nomeados nun mesmo nome de lugar ou, loxicamente, en dous próximos entre si, como poden ser Bazarra e mais Toba. 

E non quixera poñerlle o ramo a esta anotación, sen reproducir aquí un poema no que o noso Bazarra está mencionado. É da autoría de Harry Almela (Caracas, 1953) e fai parte desa monumental escolma de poemas que citan a Fisterra que ten atesourado e compilado con rigor o poeta fisterrán Alexandre Nerium, a quen lle agredecemos o seu inmenso labor aínda non recompensado coa publicación. Velaquí o poema de Almela:

DIÁLOGO DE VIAJEROS

Contigo me gustaría recorrer cualquier ciudad. 
Conocer las ternuras de Tiziano y Caravaggio, por ejemplo,
el puente de los suicidas en Paris,
o los grises campos del último exterminio 
en Kosovo o en Kampala,
Tiananmen o en Auschwitz, no recuerdo.

Los viajeros son almas en pena,
sin patria y sin dioses.
Recorren nocturnos los caminos del alba
mientras cantan los gallos en el techo del mundo.

Y él respondió:
si te encantan los paisajes indecisos,
los celajes detenidos para siempre,
preferiría llevarte al sitio del brumario, 
el mes del siempre jamás,
en la bahía gris y extensa de una ría.

Iniciaríamos en Muros, por ejemplo,
donde un bus hambriento nos aguarda.
Pasaríamos a Gándara de los pescadores, 
luego a Caldebarcos de las gaviotas frías 
en cuyas fauces feroces mueren los peces.

Nos alimentaríamos de cangrejos marinos
que traerían las sirenas.

Luego en Pindo huiríamos nocturnos 
de las brujas marinas, 
y en Ezaro de los erizos.

En el pueblo de Cee buscaríamos la casa del poeta,
en Bazarra, el ático de las torres bermejas 
y en el camino a Calcoba, 
el hórreo limpio y libre entre los campos.

Y al final, en la punta del cabo en Fisterra,
preguntaríamos al oscuro mar de los Sargazos
dónde queda el hogar de los dragones.

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Outros artigos de Miro Villar en QPC

ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE

Comentarios