xoves. 14.11.2024
El tiempo
Miro Villar
20:56
03/04/17

Paco Souto, in memoriam

Paco Souto, in memoriam

Paco Souto no V Recital de Poetas da Costa da Morte celebrado en Muxia- Foto de María LadoDemudado aínda o rostro e case sen palabras aínda que testemuñen a dor pola morte do amigo xeneroso e camarada da palabra Paco Souto, o Poeta, percebeiro e incansable activista cultural, que amou inmenso o mar, ese mesmo atlántico que lle reclamou como tributo a súa vida o 30 de marzo de 2017. Na súa memoria recupero unha anotación da miña bitácora As crebas, publicada o pasado 14 de setembro de 2016, onde o propio Paco fala con paixón dos seus dous oficios, poeta e percebeiro.

Sirva esta gravación audiovisual para testemuñar que Nós nunca esqueceremos nin a túa afouteza nin a túa amizade. Velaquí a devandita anotación:

O poeta Paco Souto a ensinar o seu oficio de percebeiro e a Costa da Morte nun fermoso documentario da televisión austríaca

O último día de agosto de 2016 apareceunos na caixa do correo electrónico unha mensaxe do amigo poeta Paco Souto, no asunto indicaba «documental de Peter» e acompañando a ligazón a un video na canle de youtube unhas breves palabras: «Este é o docu que fixemos en Agosto pasado. De momento só en alemán. Sintoo. Apertas».

En efecto, trátase dun documentario elaborado e emitido pola canle 2 da televisión pública austríaca (Produktion des ORF), baixo o encabezamento «Universum Wildes Spanien» (Universo da España Salvaxe, coido que pode traducir así), que foi publicado o 18 de agosto na canle de youtube do documentalista Nino Wurm.

Na hora e media de duración deste excelente documentario, que ten unha fotografía fascinante, son moitas as imaxes de Galiza que se proxectan e nelas non podía estar ausente a Costa da Morte. No caso de non terdes paciencia ou tempo dabondo para visionardes todo o documentario, permítome aconsellarvos que o fagades entre o minuto 6:30 e o 14:30, de maneira especial a partir do minuto 11:00 no que aparecen unhas espectaculares imaxes de Paco Souto no seu oficio de percebeiro e explicando o seu labor á cámara, aínda que a tradución ao alemán superposta non nos permite escoitar a súa propia voz.

Tamén a partir do minuto 26:30, sempre aproximadamente, fálase do camiño de Santiago de Compostela na súa prolongación até Fisterra e novamente sairán as imaxes e a voz de Paco Souto, desta volta facendo un «lanse» de cana desde a costa.

Malia algúns tópicos que coido adiviñar no relato, o certo é que o documentario é excelente, aínda que só for pola beleza das imaxes, así que o recomendo vivamente.

Para complementar todo isto recupero un fragmento doutra anotación anterior do 1 de novembro de 2011.

Paco Souto, que logo de varios oficios, está vivir en Malpica de Bergantiños e a traballar moito en tarefas do mar, coma a dura e impresionante do percebeiro. Seu é ese fermosísimo poema intitulado «Furtivos», máis coñecido polo seu primeiro verso «A percebeira é unha illa», que se pode escoitar na súa propia voz (nesa dición sempre magnífica da que tanto aprendemos) na canle youtube e que eu coñecín através do dixital Quepasanacosta. Con outra xente, Paco Souto está detrás tamén da bitácora cultural percebedemalpica (hoxe en día inaccesible) e da canle do mesmo nome en youtube. Nestas dúas páxinas tedes gravacións que nos achegan olladas para dignificaren o traballo dos percebeiros.

Velaquí a letra do poema de Paco Souto, pertencente ao seu libro Fado (1998), editado por Letras de Cal e que no portal poesiagalega.org podedes ler completo.

Furtivos

xunta Mesura

A percebeira é unha illa A illa ten nome de peixe esquivo E os homes van

A lanchiña que os leva é de pau de laranxo a lúa é unha laranxa apodrecida a lúa debuxa cadaleitos nas furnas de entre os mortos nascen percebes

Os ollos vagos non ven son as mans acoiteladas as que cachean os tetos a rapa áxil

E logo a lonxa E a viaxe à Coruña ou Madrid E o prato na mesa E o sal na boca

Ese sabor a sal na boca como se a morte viñese cada nove ondas

Paco Souto

(Fado. Compostela: Letras de Cal, abril de 1998)

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Novas relacionadas

 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios