Cando a nostalxia intencionada intenta reescribir a historia

Hai frases que durante décadas nin sequera entraban na conversa pública.
Non porque a sociedade fose perfecta nin porque existise unha memoria histórica exemplar, senón porque había certos límites compartidos: reivindicar unha ditadura, defender o fascismo ou relativizar os dereitos humanos non era algo que se dixese con normalidade.

Hoxe ese límite está a moverse.

Cada vez escoitamos con máis naturalidade afirmacións que non  hai tanto tempo provocarían un rexeitamento inmediato. Unha delas repítese con frecuencia: “con Franco vivíase mellor”.

Aparece nas redes sociais. A veces en algúns debates políticos. E en bastantes ocasións pronúnciana persoas mozas que naceron décadas despois da morte do ditador.

Ante isto é fácil pensar que se trata simplemente de descoñecemento histórico. Ou caer en sinalar á xuventude como responsable desta nostalxia. Pero seria caer en explicacións simplistas porque quizais o fenómeno sexa máis profundo. 

Esa nostalxia non xorde por si soa. É provocada. 

Nos últimos anos consolidouse un discurso que insiste en que as xeracións actuais viven peor que as anteriores. Unha idea repetida unha e outra vez ata normalizala. A súa forza non reside na precisión histórica, senón na súa capacidade de activar emocións: comparación, frustración, sensación de perda.

Pero este discurso non circula de maneira inocente. Está sendo impulsado e amplificado por quen promove posicionamentos reaccionarios e proxectos políticos que cuestionan dereitos conquistados e que, en moitos casos, buscan lexitimar formas máis autoritarias de organización social.

É dicir, non é casualidade. É estratexia.

E neste contexto é especialmente relevante entender que estamos ante un cambio no que unha sociedade considera aceptable dicir en voz alta.

En ciencia política existe un concepto que axuda a entender este proceso: “A Ventana de Overton”.

Esta teoría describe como as ideas que unha sociedade considera lexítimas poden desprazarse co tempo. Aquilo que nun momento era impensable, pode ir converténdose, pouco a pouco, nunha opinión máis dentro do debate público.

O mecanismo adoita seguir un patrón recoñecible. Primeiro unha idea aparece como radical ou provocadora. Despois comeza a formularse como unha postura polémica pero discutible. Máis tarde entra no debate mediático como unha opinión máis. E finalmente acaba normalizándose.

Ese desprazamento non ocorre de maneira espontánea. Prodúcese a través da repetición, da amplificación mediática e da acción de determinados actores políticos e culturais.

Nos últimos anos vimos este proceso en múltiples exemplos: a negación ou minimización da violencia machista, os discursos que cuestionan a igualdade entre homes e mulleres, a criminalización da inmigración, a banalización do racismo, a deslexitimación dos dereitos LGTBI ou a propia reivindicación de réximes autoritarios.

Neste contexto, ideas que antes serían socialmente inaceptables —como a inferioridade das mulleres, a lexitimación da violencia ou a idealización de modelos autoritarios— preséntanse como verdades incómodas que alguén “se atreve por fin a dicir”.

Cando estes discursos se repiten e se amplifican, o marco do debate público comeza a moverse.

E así, frases como “con Franco vivíase mellor” deixan de percibirse como unha reivindicación dunha ditadura para aparecer simplemente como unha opinión máis.

Pero esta frase non describe a realidade: constrúea.

O historiador Carlos Barciela analiza precisamente esta construción da nostalxia franquista no seu libro Con Franco vivíamos mejor. Nel explica como a memoria sobre aquel período foi transformándose co tempo, envolta nun relato que tende a destacar unha suposta estabilidade económica mentres esquece as profundas desigualdades e a ausencia de liberdades.

Pero unha análise apoiada en datos e contexto histórico desmonta rapidamente esa visión idealizada.

Durante boa parte da ditadura, España era un país con niveis elevados de pobreza, con fortes desigualdades territoriais e cun acceso moi limitado á educación superior. Moitas persoas comezaban a traballar sendo adolescentes, sen dereitos laborais, con xornadas longas, salarios baixos e as oportunidades de mobilidade social estaban fortemente condicionadas pola orixe familiar.

Ese suposto benestar non era unha realidade compartida, senón unha experiencia parcial que convivía cunha precariedade estrutural.

Pero hai unha pregunta que raramente aparece cando se fala desa suposta “época mellor”.

Como vivían as mulleres?

Porque se analizamos o franquismo desde esa perspectiva, o relato cambia radicalmente.

A ditadura construíu un modelo social profundamente patriarcal no que as mulleres quedaban subordinadas legalmente aos homes. Non era só unha cuestión cultural: estaba recollido nas leis.

Ata 1975, as mulleres casadas necesitaban autorización do marido para realizar accións tan básicas como traballar, abrir unha conta bancaria ou asinar contratos. Esta situación coñecíase como licenza marital.

O propio Código Civil establecía con claridade a estrutura de poder dentro do matrimonio: o marido debía protexer á muller e ela debía obedecelo.

O divorcio fora abolido en 1939 e o matrimonio quedaba ligado a unha estrutura de autoridade na que o home exercía o control legal e económico da familia. A patria potestade quedou en mans do pai e, en caso de separación, a muller podía perder a custodia dos seus fillos e fillas e mesmo a vivenda familiar.

O control non era só xurídico. Era tamén moral, social e cultural.

Tampouco existía ningún recoñecemento institucional da violencia contra as mulleres, nin estatísticas, nin redes de apoio. Moitos casos eran tratados socialmente como “crimes pasionais”, unha expresión que convertía a violencia nun suposto drama sentimental e invisibilizaba a súa dimensión estrutural.

Este marco legal e cultural condicionou a vida de xeracións de mulleres.

Por iso resulta difícil falar dunha etapa de benestar colectivo sen preguntarse quen quedaba fóra dese suposto benestar.

Porque aquel orde que ás veces se evoca estaba construído sobre a ausencia de dereitos políticos, sobre a censura e tamén sobre a subordinación legal da metade da poboación.

Entender isto non significa negar os problemas do presente. Significa evitar que o malestar actual se transforme nunha nostalxia que borra as desigualdades do pasado.

Por iso, cando escoitamos dicir que “con Franco vivíase mellor”, quizais a pregunta máis honesta sería outra:

Para quen?

Porque a historia raramente é tan simple como unha frase nostálxica. E porque, cando se analiza con perspectiva, ese pasado ao que algúns queren regresar estaba construído sobre silencios, desigualdades, violencias e medos que moitas persoas non estamos dispostas a aceptar de novo.

A memoria democrática non consiste só en lembrar o pasado. Consiste tamén en entender como certos relatos se constrúen para facernos esquecer todo o demais.

E, sobre todo, en lembrar que o benestar dunha sociedade non se mide pola obediencia nin pola autoridade, senón pola liberdade, a dignidade e os dereitos das persoas que a habitan.

De todas elas.

 

 

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.

 

Máis contidos no Podcast Todas Nós

 

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero