domingo. 19.07.2026
El tiempo
Tatiana Rellan
09:42
19/07/26

O Conto da Autovía: De Promesas, Migallas e a Complicidade Local

O Conto da Autovía: De Promesas, Migallas e a Complicidade Local

A gran promesa e a ilusión: imaxinade, por un momento, a un neno ao que lle prometen un gran agasallo por portarse ben despois de pasar por unha época moi dura. Iso foi o que nos pasou na Costa da Morte. Corría o ano 2003, chorábamos a marea negra do Prestige, e dende os despachos prometéronnos un gran banquete para compensar tanto sufrimento. Prometéronnos vertebración, progreso e dignidade. A xoia da coroa ía ser unha autovía completa, de inicio a fin, para conectar as nosas vilas, os nosos negocios e as nosas familias. Durante anos, vivimos con esa ilusión. Críamos que, por fin, despois de tanto tempo illados, importabamos algo.

O tempo, a fatiga e o engano da "gratuidade": pero logo chegou a realidade. O tempo foi pasando e os gobernos descubriron a trampa máis vella da política: se fas agardar moito á xente, acaban esgotados. E cando estás esgotado, aceptas calquera cousa. Ofrecéronnos a estratexia da migalla, cambiando a autovía por un simple corredor. E por riba, coa audacia de tentar vendernos como un fito histórico e un xesto de xenerosidade que non imos pagar peaxe. Dende cando se cobra peaxe por transitar por algo que non é unha autovía? Pretenden que lles aplaudamos coas orellas a superiniciativa da "gratuidade", insultando a intelixencia dos veciños e veciñas coma se fósemos inxenuos que agradecen o que xa é noso por dereito.

Con todo, o máis decepcionante desta rebaixa histórica non é só a manobra do goberno autonómico, senón a actitude dos nosos propios rexedores. Dá igual a cor política: vemos a alcaldes da contorna claudicando, aplaudindo o recorte e sumándose á postura do "mellor iso ca nada". Cando un representante local acepta con gratitude un sucedáneo, está lexitimando o ninguneo á súa propia xente. É exactamente igual que cando che quitan o prato de comida e o teu propio alcalde che di que deas as grazas pola chuche compensatoria.

A rendición inaceptable: Non somos de segunda. O problema real e máis grave hoxe é que parece que xa non se vai pelexar. Que todo o mundo deu por bo este agravio, asumindo a humillante escusa da Xunta de Galicia: que "dependendo do tránsito, se cadra, algún día" o corredor converterase en autovía. É dunha prepotencia intolerable. Condenan a comarca ao illamento limitando as nosas infraestruturas, e logo esíxennos ter un tráfico masivo para xustificar unha obra que é vital para o noso desenvolvemento. 

As máquinas para facer este corredor xa están en marcha, iso é unha realidade innegable coa que teremos que convivir. Pero como veciños e veciñas desta terra, hai algo que ningunha administración nos pode expropiar: o noso orgullo e a nosa memoria. A Costa da Morte non é de segunda. Poderán impoñernos esta estrada recortada e deixarnos sen a autovía que nos debían, pero que non agarden, xamais, que agachemos a cabeza para aplaudirlles as migallas.

  • Tatiana Rellán. Rexenta a Parafarmacia Horizonte de Baio e edil do BNG de Cabana.

Máis información

Outros artigos de Tatiana Rellán

Comentarios