venres. 02.01.2026
El tiempo
Tatiana Rellan
08:57
02/01/26

O rural non se baleira, bótano: o atropelo de Correos

O rural non se baleira, bótano: o atropelo de Correos

​​Resulta insultante escoitar aos políticos encher a boca con plans contra o despoboamento mentres, na práctica, permiten que empresas estatais como Correos asfixien a vida dos nosos pobos. O que está a suceder en Baio e outras localidades non é un traslado loxístico; é unha chantaxe institucional e un desprezo absoluto aos veciños e ao comercio local.

​A desidia de Correos é de manual. Sabendo con antelación que a propietaria do local actual se xubilaba —unha traballadora que no seu día tivo que poñer o seu propio local para que o Estado dera o servizo—, a empresa "de todos" non moveu un dedo. Agardaron ao último minuto para xogar a súa carta máis sucia: ou o Concello cede un local de balde ou pechamos a oficina. É inaudito que unha Sociedade Estatal, con directivos de salarios estratosféricos pagados cos nosos impostos, se negue a pagar un aluguer e obrigue ás administracións locais a asumir os seus custos para non quedar sen o Servizo Postal Universal.

​E nese "teje maneje", a solución que nos venden como salvación é un atropelo: mover a oficina a un extremo do pobo, lonxe de onde late a vida. Esta descentralización é un ataque directo ao comercio local, que perde o fluxo de clientes, e unha labazada aos autónomos e traballadores. Con horarios de oficina reducidos e unha ubicación periférica, enviar paquetería convértese nunha gincana imposible de conciliar coa xornada laboral.

​A quen pretenden enganar? Non se pode defender o rural mentres se desmantela o seu centro. Deixen de vender fume con ideas brillantes para atraer xente e empecen por non botar aos que xa estamos. Menos soldos de ouro en despachos madrileños e máis inversión en locais accesibles no corazón dos pobos. Sen servizos de proximidade, o rural non é que se quede sen xente, é que o están matando a sabendas.

  • Tatiana Rellán. Rexenta a Parafarmacia Horizonte de Baio e edil do BNG de Cabana.

Máis información

Outros artigos de Tatiana Rellán

Comentarios