Martes. 12.11.2019
El tiempo

Costa do Solpor (I): a viaxe de volta da illa do tesouro

Costa do Solpor (I): a viaxe de volta da illa do tesouro
Pola súa situación xeográfica e polo seu secular illamento, a hoxe chamada Costa a Morte era para min o escenario ideal para unha novela de aventuras con piratas e tesouros polo medio. A elección do séc. XVIII case caía de caixón, pois é o da piratería e o corsarismo por excelencia. Este século atraíame polo das novidades ideolóxicas e políticas que nel xurdiron. O Século das Luces tamén o escollera Stevenson para A illa do tesouro (1883), e, ó tomar esta obra como a principal de referencia, xurdiume a idea de encaixar na miña o regreso da goleta Hispaniola co seu tesouro. Nas páxinas finais da súa novela, o escritor escocés deixara tres cabos soltos que facilitaron o encaixe: 1º) o seu empeño en abreviar a viaxe de volta; 2º) no destino que algúns dos protagonistas lles deron á súa parte do tesouro, sorprende que non se fale do Sr. Trelawney, que, en sendo o dono da goleta, tivera que recibir o bocado máis importante; 3º) na illa aínda quedaran moitas riquezas[2]. Desde finais do séc. XIX houbo escritores continuadores da novela stevensoniana -maiormente co pirata John Silver e o grumete Jim Hawkins como protagonistas[3]-, mais ninguén novelara, que eu saiba, a viaxe de volta da illa do tesouro. Iso foi o que eu me atrevín a facer, pois tan longa travesía non tiña que ser tan tranquila como a resumira o escritor escocés, tendo en conta que Gran Bretaña estaba daquela en guerra con Francia, a dos Sete Anos (1757-1763), e que o Atlántico estaba infestado de piratas e corsarios; e a redonda do cabo Fisterra –por onde a Hispaniola por forza tiña que pasar- era un deses lugares estratéxicos para as abordaxes onde se agochaban os navíos armados en corso con base nos portos galegos da Coruña ou Vigo, pois “os nosos” non eran tan “boíños” como a historia oficial nolos pinta: o armador do El Trueno, personaxe real que aparece na trama, é unha boa proba.

Notas do autor

  • [1] Costa do Solpor (Edicións Xerais, 2013); Premio da Crítica Galicia 2014 de Creación Literaria.
  • [2] Páxinas 262-263 da primeira versión en galego d'A illa do tesouro (Edicións Xerais, 1985), tradución de Xavier Alcalá.
  • [3] Hai pouco o escritor inglés Sir Andrew Motion publicou Silver. Return to the Treasure Island (2012), traducida ó castelán co título Regreso a la isla del tesoro (Tusquets, 2013), onde se relata o regreso á illa do tesouro, corenta anos despois -en 1802-, da filla de John Silver e do fillo de Jim Hawkins para estibar os lingotes de prata que alí quedaran.

Máis información

Novas relacionadas

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

  • Artigo solicitado pola AELG que se acaba de publicar na derradeira páxina da edición en papel de Sermos Galiza (número 129, quinta feira 15 de xaneiro de 2015).

comentarios