Mércores. 23.10.2024
El tiempo

As razóns para que Carballo leve o Premio Peña Novo á normalización

Como xurado dos Premios Peña Novo de Normalización Lingüística, o noso Xosé María Lema Suárez foi o encargado de facer a loa ó Concello de Carballo. 
As razóns para que Carballo leve o Premio Peña Novo á normalización

Había anos que non se premiaba neste Certame a un Concello (o último, o de Brión en 2016), e por iso no xurado pensamos que xa ía sendo hora de recoñecer o traballo pola normalización da lingua dalgún deles.  Escollemos Carballo. En primeiro lugar, polos seus propios méritos a prol da lingua, que tentaremos resumir, pero tamén pola importancia dun concello de máis 31.000 hab, capital da comarca de Bergantiños e porta de entrada á rexión xeográfica (non comarca) coñecida como Costa da Morte. En número de habitantes Carballo ocupa o duodécim0 lugar dos concellos galegos, despois das 7 cidades e dos municipios de Narón, Vilagarcía, Oleiros e Arteixo.

Aínda que durante o mandato do alcalde anterior, Manuel Varela Rey (PP), xa se usaba institucionalmente e se promovía o noso idioma, o certo é que a partir da entrada en 2003 do actual alcalde Evencio Ferrero (BNG) o seu uso e promoción viuse incrementado decididamente ó cento por cento.

1.O Concello mantivo, xa desde 2004 (polo menos), un activo Servizo de Normalización Lingüistica, dirixido primeiro por Nel Vidal e agora por Carme Pereiro e Cristina Abelleira. É xusto citar estes traballadores municipais porque boa parte das iniciativas máis salientables partiron deles.

  • En 2004 convocouse un concurso de artigos normalizadores aberto a toda Galicia, que se mantivo ata 2018. Foron 15 edicións con moito éxito.
  • En 2006 promóvese a campaña “Cos meus mellores desexos” dirixida ós hostaleiros, comerciantes, xente do deporte etc. 
  • En 2016 iniciouse outra campaña para promover o uso do galego nas redes, xunto co Concello de Mazaricos, ou a de Creative Commons, para utilizar o galego sen límites, moi completa e con notable éxito.
  • Desde 2013 hai unha completísima Ordenanza para o impulso social da lingua galega, de 12 páxinas, 14 capítulos e innumerables artigos. Capítulos como:  O uso oficial do galego... Atención ó público. Documentación e actuación administrativa. Publicacións, accións informativas e actividades públicas. Sinalización e rotulación. Relación con outras administracións, coas empresas privadas… Toponimia e nomes de rúas… Impulso institucional do idioma galego. O Servizo de N. Lgca. etc.

2. Entre as múltiples actividades que se desenvolven, salientamos as seguintes:

  • As redes sociais do Concello son en galego, teñen bastante difusión e a maioría dos comentarios cidadáns tamén son en galego.
  • Tamén o é o sitio web do Concello (noticias, información etc.).
  • Participación activa no curso de dinamización lgca que organiza a Univ da Coruña; en cada edición centrado nun aspecto diferente. Deste curso saíron iniciativas como Apego e Youtubeiros/as.
  • Apego ten neste momento máis de 350 familias inscritas e un completísimo programa de actividades de socialización en galego, dun xeito moi transversal (actividades culturais, medioambientais, etc.)

3. Entre as novas iniciativas salientamos:

  • Enreguéifate (Escola de Regueifa de Bergantiños) ➔ Bergantiños é a capital mundial da Regueifa (cántigas de desafío).
  • Certame Contos humorísticos O Xestal – Poetizando en Carballo – Clubs de Lectura... – Xornadas de Microtoponimia... etc.
  • Creación do Mapa Literario de Carballo: percorrido polos nomes das rúas.
  • E agora estase iniciando unha campaña realmente orixinal e efectiva: «En galego porque si», (a razón máis lóxica, porque é o noso / “porque me dá gana”, que diría C. Emilio Ferreiro) na que participa voluntariamente todo o persoal municipal que se compromete co uso do galego na relación coa cidadanía. Será unha campaña en redes, basicamente, con fotografías dos traballadores municipais cunhas chapas ou placas nas que se le o lema da campaña.    

 

Amigos e amigas que viven en Carballo sen seren nativos do concello, como os profesores Xan Fernández ou Evaristo Domínguez, F. Cabeza e outros, consideran que o galego é un idioma case totalmente normalizado no concello, nos diferentes ámbitos, nun 95 % na zona rural e polo menos un 70 % no núcleo urbano, onde residen uns 20.000 hab (o 64 % da poboación). Certo que se aprecia un uso menor na poboación infantil (pregúntome se non topamos cun infausto Decreto escolar,  “amigo Sancho”). 

Hai que ter en conta que Carballo acolle tamén poboación inmigrante, cifrada nun 10 %. Hai unha colonia uruguaia integrada por descendentes de galegos, que non teñen problema por entender o idioma e mesmo se atreven a falalo. Agora está habendo bastantes inmigrantes surafricanos, ós que lles resulta máis complicado utilizalo. 

A este estado de normalización do galego no concello e na vila, ademais do labor levado a cabo polo Concello, contribuíu tamén moito o asociacionismo carballés de todo tipo: cultural, deportivo, ambiental, e mesmo a Igrexa, pois o crego humanista Xosé Pumar e o párroco usan o galego habitualmente nos oficios litúrxicos. Cítoos pola súa condición de rara avis neste colectivo (fago votos para que os Peña Novo poidan premiar a algunha institución eclesiástica polo uso non diglósico da lingua. Nas 27 edicións destes galardóns, desde 1995, non aparece ningunha distinción)

Por todo isto, este Premio Peña Novo 2024 non só é para a corporación municipal de Carballo, presidida polo seu alcalde, aquí presente, senón para todo o pobo carballés –e cando digo pobo quero dicir “a xente”, pois en galego distinguimos entre vila (conxunto urbano de casas máis ou menos grande) e pobo (a xente que as habita)– por manter e promover o seu idioma propio, por sentirse orgulloso de usalo, xa que en Carballo –aseguráronmo– “o galego fálase sen ningún tipo de complexos”.  Esta á a gran novidade: premiamos non só á corporación, ó ente oficial senón ó conxunto do pobo; debe ser a primeira vez que se fai.

Tense publicado que as comarcas de Costa da Morte (Bergantiños, Terra de Soneira, Fisterra e Xallas) teñen as porcentaxes máis altas de uso do galego, mesmo na mocidade. Un exemplo disto é a creatividade do  alumnado de catorce institutos da Costa da Morte que puxo en marcha recentemente a campaña “Falemos máis galego”, con dous premios: 

O do mellor logo e lema foi para o IES Agra de Raíces (Cee): “Con seseo e con gheada, falar galego é unha pasada”.
O mellor vídeo, o do CPI da Picota (Mazaricos), cun rap espectacular do “Falamos galego”.


Xa ía sendo hora de que se puxese en valor esta fidelidade ó noso idioma destas comarcas “fisterrás” en sentido amplo, e que sirva de exemplo a outras. Esperemos que o do Concello de Carballo como punta de lanza desta zona non sexa o último para este territorio tantas veces loado e tan poucas agarimado.

Máis nada. Graciñas pola vosa atención e parabéns ó concello e ó pobo carballés e ós demais premiados.

  • Xosé Mª Lema (membro do xurado Premios Peña Novo 2024) 

 

Comentarios