![visita-dolmen-dombate]()
Os propietarios e propietarias dos monumentos megalíticos de Vimianzo comprobaron como é un dolmen de maneira integral
Acompañados dun guía, os propietarios e propietarias dos monumentos megalíticos do municipio de Vimianzo, puideron comprobar como é un dolmen de maneira integral, xa que en moitos casos os que se atopan nas súas propiedades están sen excavar e coas mámoas case completas, o que impide que teñan unha visión integral do que é un dolmen realmente. Estas comprobación fixéronas onte durante a súa visita ao
dolmen de Dombate na que estiveron acompañados da concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade, Marta Rei.
En Dombate viron como é un dolmen na súa totalidade e mostráronse sorprendidos polas explicacións do persoal que lles explicou que o recinto do monumento se estende máis alá da mámoa e en Dombate está marcado polos distintos regos que se atoparon nas excavacións.
Os donos e donas tamén puideron comprobar de primeira man a achega da posta en valor do monumento megalítico para a comunidade e para o tecido socoeconómico. Neste sentido son moi relevantes
as 30000 visitas do ano pasado, o que fan que sexa un dos referentes turísticos de Galicia.
Asesoramento
Para o alcalde, Manuel Antelo, a recuperación e a posta en valor dos monumentos megalíticos de Vimianzo son un obxectivo de primeiro nivel. Como xa declarara en ocasións anteriores ofreceu a axuda do concello de Vimianzo para asesorar ás propietarias e propietarios en todo o referente aos aproveitamentos do solo, modificacións dos usos, reformas e melloras das edificacións afectadas polo ámbito de protección.
A información e o coñecemento das propietarias e propietarios acerca dos monumentos que se atopan nas súas propiedades é, para o alcalde, unha ferramenta importantísima á hora da conservación e posta en valor dos mesmos, pois unha vez que coñecen o que realmente hai, as obrigas e os deberes que teñen como propietarios e os usos permitidos das fincas e os que non o están, minimízanse os riscos de desenvover actuacións, que debido ao descoñecemento, poderían poñer en risco os xacementos.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Vimianzo