Un Entroido de Inspección Turística por Carnota

- Última hora: O Concello decidiu suspender todos os actos do Entroido en solidariedade coa familia do septuaxenario desaparecido Lino do Corbeiro.

Xa avanzamos o novidoso certame de Regueifas que satirizará o entroido de Carnota. Hoxe coñecemos, un pouco máis polo miúdo, o programa que veñen de preparar o Departamento de Cultura e asociacións culturais do concello. Un programa ben simpático, no que destaca a visita dos inspectores turísticos por toda a volta.
A Caravana Internacional de Inspectores Turísticos, enfocada a promoción do noso concello visitará Carnota “de punta a rabo” durante a semana do entroido. Sairá o sábado 6 de febreiro e no seu percorrido serán guiados pola concelleira de “Asuntos Exteriores” e polo concelleiro de “Desbroces, Farolas e Padrón de habitantes”. Os establecimentos terán que ter todos os papeis en regla, ou tirar de bos produtos para mercar o silencio, como mandan as tradicións.
Estarán ás 18:30 h na Praza Verde de Carnota e ás 20:00 h á porta de Louro, en Lira.
Programa
Venres 05 de febreiro:
No pavillón de Carnota, Festa infantil das 17:00 h ás 19:30h.
Dende as 17:00 h ata as 18:30 h, discoteca móbil infantil. De 18:30 h a 19:30 h, concurso infantil de disfraces e lectura do I Concurso de Regueifas.
Farase tamén o sorteo das rifas que vendeu o alumnado de 6º de primaria do CEIP de Carnota. No concurso de disfraces haberá dúas categorías: grupal e individual. O premio ao mellor grupo será unha cea nunha hamburguesería para todos os seus membros. Na categoría individual haberá dous agasallos: un para o disfrace máis bonito e/ou divertido dos nenos/as de 7 anos ou menores, e outro para o disfrace máis bonito e/ou divertido da nena/o maior de 8 anos.
Sábado 06 de febreiro:
Ademais da comitiva de inspectores percorrendo o Concello, en Lariño, a AAVV A Ínsua ten programado un desfile de carrozas por toda a parroquia, que sairá da A Gándara ás 16:30 h e chegará sobre as 18:00 h ao centro cultural, onde haberá unha obra de teatro.
No Pindo, ás 17:30h, a Asociación Pedramar organiza un desfile de comparsas do “Lonxano Oriente”. Á noite, Lacoada (previa reserva).
E a Asociación Canle organiza en Lira, na lonxa vella, a partir das 22:30 h, un baile de disfraces con DJ e sorpresas.
Domingo 07 de febreiro:
Seguirá a delegación de inspectores turísitcos/as coas súas visitas polas parroquias do concello, e este día tocaralle a San Mamede, na poxa dos pés de porco, á saída da misa. Logo dirixiranse ao Pindo, para estar ás 16:30 h na Praza da Solaina e, por último, estarán en Lariño, na Pía ás 18:30 h.
No Pindo, ás 17:30 h a Asociación Pedramar fará un concurso de disfraces infantil no Sinal.
Martes 09 de febreiro
Ás 17:00h, en Caldebarcos, terá lugar a fantástica Queima do Entruido.
Novas relacionadas
- Carnota prepara un certame de Regueifas para satirizar o entroido.
- Entroido Carnota 2013: Os mil Entruidos en Caldebarcos.
- Entroido Carnota 2012: A sátira invadíu os entroidos de Carnota, Lira e O Pindo.
- A tradición dos Enterros de Entroidos na Costa da Morte.
Fonte
- Concello de Carnota.