Domingo. 09.08.2020
El tiempo

CORCUBIÓN

As BPM de Corcubión e Santa Comba únense polo Día do Libro

As Bibliotecas Públicas Municipais de Corcubión e Santa Comna participan no vídeo elaborado por 31 centros de lectura galegos para conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebra hoxe, 23 de abril. As persoas responsables das bibliotecas, que están pechadas por mor da pandemia da COVID-19, son as protagonistas e as caras visibles deste audiovisual, que quere mostrar que estes centros seguen a traballar e a buscar novas formas de contactar co público lector.

A acción enmárcase dentro das actuacións cooperativas que está a poñer en marcha un grupo de traballo formado por 31 bibliotecas públicas municipais pertencentes á Rede da Xunta de Galicia. Desde marzo, abren novas canles para compartir experiencias e fomentar a participación, mesmo en tempos de confinamento.

O vídeo conmemorativo do Día Internacional do Libro é unha destas iniciativas. Nel aparecen as propias persoas encargadas das bibliotecas, como Isa Soneira, da Bpm de Corcubión. O espírito do vídeo é amosar a proximidade do servizo bibliotecario, aínda que as bibliotecas non están abertas ao público. A ritmo da música de Guadi Galego (‘Chea de vida’) e Migallas (‘O libro máxico’), as bibliotecarias e bibliotecarios, un a un, van intercambiando libros en pequenas pezas realizadas desde as súas propias casas, simbolizando un traballo en rede cooperativo e de axuda común.

Outra iniciativa posta en marcha por este grupo ao comezo do estado de alarma é o deseño dun banco de recursos baixo o nome de #horadoconto, que consiste en recomendar unha lectura. As escollas fanse públicas de luns a venres a través das redes sociais e páxinas web municipais. Cada día, unha das bibliotecas é a responsable de realizar dita recomendación, en diferentes formatos, xéneros e idiomas. A proposta ten como propósito fomentar a lectura e o contacto cos libros.

A bibliotecas públicas municipais que conforman esta iniciativa son dos concellos de: Antas de Ulla, Arteixo, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Baiona, Boiro, Caldas de Reis, Chantada, Chapela- Redondela, Coirós, Corcubión, Miño, Mondariz Balneario, Narón, Noia, O Pino, O Saviñao, Ordes, Oroso, Portonovo, Redondela, Rianxo, Ribadavia, Rois, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Santa Comba, Sober, Teo, Xermade e Xinzo de Limia.

#ContoconLibros

Dende a Axencia costeira Arela Comunicación Sostible propoñen outra iniciativa para encher a rede de libros. Este #contoconLibros pode dar moito xogo.

Artigos relacionados

As BPM de Corcubión e Santa Comba únense polo Día do Libro