Novo pleno tenso no Concello de Fisterra o celebrado este xoves 1 de decembro. O pleno servía para presentar a renuncia de Santiago Insua Recamán como concelleiro. O ata onte edil popular deixou a política tras 15 anos de concelleiro, boa parte no goberno. “Quero agradecer a confianza da veciñanza e do PP, e pedir perdón polos erros cometidos”, sinalou Santiago antes de que o alcalde Jose Marcote agradecese a súa labor e valorase a sempre complexa dedicación á vida política municipal.
Orzamentos
O pleno aprobou os Orzamentos Municipais de 2023. Un orzamento de 4.827.178,47 €, o que supón un aumento de 520.000€ con respecto ao exercicio anterior (un 12,05 % máis).
Entre as cifras interesantes, as contas reducen nun 5% a partida de Gasto Corrente, que rolda o 1,5 millóns, mentres que as inversións reais por un importe de 1.733.919,83 € (o 35,92 % do total do orzamento).
Tensión
Volveu ao pleno a moción da Plataforma Pediatras e Matrona Xa, para pedir que o pleno apoie a ILP de SOS Sanidade Pública. Unha moción, presentada polo BNG, que non puido votar no pleno anterior pola negativa do alcalde a aceptar a urxencia. Vanessa Viquendi, a presidenta da Plataforma, explicou o panorama sanitario galego. Agradeceu o apoio dos grupos da corporación e lamentou que non se aprobase esa Urxencia no pleno do pasado outubro, porque a ILP tiña como límite comezos de decembro (agora a data límite en febreiro). “Todos os apoios son necesarios e importantes”, destacou Viquendi poñendo o valor os apoios de todos os grupos que aprobaron a iniciativa por unanimidade, incluído o PP.
Precisamente o teniente alcalde, Kuka Sar (BNG) valorou a votación dos populares pero que “non chega só con iso, pídovos que saíades á rúa a apoiar estas iniciativas”.
Na parte de “Rogos” Sar explicou por que o alcalde non seguise o regulamento na pasada sesión, incorrindo nunha “inxustiza non intencionada”, ao que o rexedor asegurou que "revisaremos a normativa", e que “puidemos cometer erros pero sempre sen intención”, .
Tamén saíu aprobada unha moción de apoio aos traballadores de XEAL, cos votos a favor de PSOE e BNG e as abstencións dos edís populares.
Autopista, tren e peaxe
O BNG, como fixo en Corcubión, presentou unha moción comarcal para esixir o remate da Autovía, a eliminación das peaxes da AG-55, así como iniciar xa os estudos de viabilidade dun tren de proximidade para a Costa da Morte, a mellora das conexións no transporte público de autobuses.
Dende o PP votaron en contra poñendo como argumento que “Fisterra está chea de fochancas e o pavillón está que sae voando”. Para o PSOE, que votou a favor, estas mocións tan complexas “non teñen sentido”, e criticou que estas mocións sobre o remate da autovía un “afán de protagonismo”. Si pediu o remate da autovía pero sinalou que a “eliminación das peaxes é unha medida populista”. Kuka explicou cada un dos puntos e sacouse as culpas das acusacións populares que lle toca ao concelleiro de obras.
Novas relacionadas
- Outubro 22: Tensión no grupo de goberno fisterrán.