xoves. 01.05.2025
El tiempo

A historia dos 20 anos da Escola de Música de Carnota

A historia dos 20 anos da Escola de Música de Carnota
Os festivais da Escola de Musica de Carnota son tremendamente emotivos

Envíanos hoxe a directora Alianza Uhia, e co gallo da celebración dos #20anosdaESMU, un repaso á historia desta escola tan especial. Xa teñen citas especiais para celebralo como as xornada de portas abertas do mércores 10 de xuño de 2015, ou a “A tarde da ESMU” do xoves 2 de abril no marco da feira VíndemoVer, en plena Semana Santa.

Polo de pronto, deixámosvos con eles para que coñezades mellor esta brava Escola:

20 anos de ESMU

No curso 1994/1995 comezaba en Carnota a andadura dunha Escola Municipal de Música (ESMU). Tres mestres e 29 alumnos/as tiñan clases nun local do Viso (San Mamede). As condicións do local eran bastante precarias, pois estaba moi vello, con humidades e falto de case todo, pero a ilusión dos que por alí ían podía máis que as carencias. No curso 1999/2000 incorporáronse dous mestres novos, para substituír a outros dous que se ían; e dende aí ata hoxe, a ESMU de Carnota foi ascendendo sen parar.

Non foron moitos os mestres que pasaron pola escola, para ter unha vida de 20, pero queremos mencionar os que xa non están e que puxeron o seu gran de area tamén, profesores e profesoras coma Juan, Alberto, Antonio, José Luis, Álex, Mónica, Santi ou Ana. Hoxe somos un equipo de 5 mestres e mestras, unidos e ben levados, que é o que fai que a escola sexa o que é: Castor Montes, Carlos González, Ramón Domínguez, Pilar García e Alianza Uhía.

A ESMU estivo situada en tres lugares, ao longo da súa andadura. O primeiro deles foi o local que xa mencionamos, no Viso, que posteriormente se derrubou para construír un novo (hoxe parado, á espera de que se siga coa segunda fase). Naquel momento, a ESMU trasladouse para unha casa nas Cruces, acondicionada para tal fin. Finalmente, trasladouse unha vez máis, nesta ocasión para o CEIP do Pindo, onde se sitúa na actualidade, utilizando parte do edificio novo, que a Xunta cedeu para este fin.

O alumnado foi sempre a máis, excepto no curso en que nos cambiamos das Cruces para o Pindo, xa que moita xente que viña dende Louro e Muros deixou a escola por facérselle un pouco lonxe. Pero, ano tras ano, fomos recuperando alumnado. Hoxe somos máis de 110!!!!

Participamos en moitos intercambios, xuntanzas, encontros de escolas de música, incluso organizando o II Encontro Galego de Escolas de Música, cun resultado excelente.

As especialidades tamén foron en aumento e hoxe impartimos máis de 20: Linguaxe Musical, Inciación Musical, Harmonía, Combos, Orquestra Orff, Coro Infantil, Coral Polifónica, Grupo Tradicional, Grupo de Pandeireteiras, Piano, Guitarra clásica, Guitarra eléctrica, Baixo eléctrico, Saxofón, Clarinete, Frauta traveseira, Frauta de pico, Acordeón, Canto, Gaita, Pandeireta, Batería e Percusión.

Por todo isto, temos que celebralo como se merece. E niso estamos!!!!!
- Temos feito e publicado un cartel conmemorativo para repartir polo concello e por concellos veciños.
- Queremos saír na prensa, entrevistas, televisión…
- Temos prevista unha xornada de portas abertas no Pindo para o mércores 10 de xuño de 2015. Esa tarde, a partir das 17:00 h e ata as 21:00 h, poderán vir todas as persoas que estean interesadas en ver o que facemos e como o facemos. Teñen intención de empezar no seguinte curso con algún instrumento e non saben con cal? Pois ese día poden probar e se cadra decídense!
- O xoves 2 de abril, no marco da feira VíndemoVer, pola tarde, celebraremos “A tarde da ESMU de Carnota”, xa que teremos un concerto especial de alumnos e ex-alumnos/as, ao aire libre. Haberá tamén un photocall con varias frases para escoller e sacar con ela a foto conmemorativa, un mural do 20 aniversario con fotos da ESMU, e un espazo para que todas as persoas que se acheguen poidan deixar unha mensaxe para a escola.

E non podemos deixar pasar a ocasión de darlles un GRAZAS enorme ao alumnado e ás familias (os que foron, os que están e os que serán), porque con eles todo é moi sinxelo.

A por outros 20 máis!!!

  • Os membros da Escola de Música de Carnota.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios