Arrinca, de viaxe, o programa de verán da Laracha
O pasado venres arrincaba o completísimo programa municipal de actividades de verán do Concello da Laracha. A primeira das 22 actividades previstas, permitiu que medio centenar de rapaces de idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos viaxaron ata Santiago de Compostela para asistir ao Diver Jump Trampoline Park, instalación na que durante toda a mañá realizaron xogos, atraccións e actividades recreativas.
A partir de xa toma o relevo no pavillón do IES Agra de Leborís o campamento urbano, no que xa se cubriron todas as prazas. A primeira quenda do campamento de Caión (prevista do 4 ao 8 de xullo) cancélase por non contar co mínimo de inscritos.
Inscricións abertas
A inscrición (en alaracha.gal) permanece aberta na maior parte das actividades, como nos tradicionais campus dos deportes máis practicados no termo municipal da Laracha.
O de fútbol será do 18 ao 22 de xullo e en dous grupos nos campos Municipal da Laracha (5 a 11 anos) e A Porta Santa de Paiosaco (12 a 15 anos). O de baloncesto vai dirixido a rapaces de entre 5 e 15 anos e realizarase no pavillón Municipal da Laracha do 1 ao 5 de agosto.
Outras propostas para o público infantil serán a saída para practicar kaiak nas Fragas do Eume (26 de xullo) e paintball en Valdoviño (8 de agosto). Xa están esgotadas todas as prazas para Humor Amarelo (11 de agosto) o circuíto de karts a pedais de Paiosaco (18 de agosto) e o cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión (22 de agosto).
Para o público xuvenil e adulto permanece aberta a inscrición en todas as actividades: práctica do kaiak nas Fragas do Eume (26 de xullo), tirolina xigante e Ruta dos Fornos na Pontenova (28 de xullo), xornada no circuíto de karting de Vimianzo (9 de agosto), rocódromo na Coruña (12 de agosto), paintball en Valdoviño (19 de agosto), Humor Amarelo na Coruña (23 de agosto) e rafting no río Ulla (25 de agosto).