Venres. 26.04.2024
El tiempo

Completo verán para a rapazada da Laracha

Programa Verán Cartel Laracha 2022
Completo verán para a rapazada da Laracha

Este mércores 15 de xuño abren as inscricións para as actividades do programa municipal de Verán da Laracha. O Concello ofrece 22 propostas culturais, deportivas e recreativas para todos os públicos durante os meses de xullo, agosto e setembro. “O dobre obxectivo deste programa é ofrecer opcións para o aproveitamento do tempo libre e facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar durante o período de vacacións de verán nos centros escolares”, explican dende o concello.

As inscricións poderán formalizarse acudindo ao Concello ou tamén en liña cubrindo o formulario que se habilitará na web municipal alaracha.gal.

Programa

O campamento urbano realizarase no pavillón do IES Agra de Leborís do 4 ao 8 de xullo en horario de mañá (9:30 a 13:30 h) e vai dirixido a nenos de 3 a 7 anos. O tradicional campamento de Caión contará con dúas quendas (ambas de 10:00 a 18:00 horas), sendo a primeira tamén do 4 ao 8 de xullo (12 a 15 anos) e a segunda, do 11 ao 15 do mesmo mes (8 a 11 anos). No campamento urbano e na segunda quenda do campamento de Caión ofrécese opcionalmente o servizo Madrugadores a partir das 8:30 horas naqueles casos nos que se xustifique a necesidade de conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

A programación de verán tamén inclúe os tradicionais campus dos deportes máis practicados no termo municipal da Laracha. O de fútbol será do 18 ao 22 de xullo e en dous grupos nos campos Municipal da Laracha (5 a 11 anos) e A Porta Santa de Paiosaco (12 a 15 anos). O de baloncesto vai dirixido a rapaces de entre 5 e 15 anos e realizarase no pavillón Municipal da Laracha do 1 ao 5 de agosto.

Outras actividades para o público infantil serán a saída ao Diver Jump Trampoline Park de Santiago de Compostela (1 de xullo), kaiak nas Fragas do Eume (26 de xullo), paintball en Valdoviño (8 de agosto), Humor Amarelo na Coruña (11 de agosto), o circuíto de karts a pedais que se realizará no campo da feira de Paiosaco (18 de agosto) e un cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión (22 de agosto).

Para o público xuvenil e adulto ofrécese a práctica do kaiak nas Fragas do Eume (26 de xullo), tirolina xigante e Ruta dos Fornos na Pontenova (28 de xullo), xornada no circuíto de karting de Vimianzo (9 de agosto), rocódromo na Coruña (12 de agosto), paintball en Valdoviño (19 de agosto), Humor Amarelo na Coruña (23 de agosto) e rafting no río Ulla (25 de agosto).

O programa tamén inclúe catro espectáculos de rúa. O primeiro será o 8 de agosto ás 20:00 h en Caión con Galicia Ilusiona que terá a maxia e o ilusionismo como fíos condutores.

En torno á celebración das Festas Patronais da Laracha, o 14 de agosto ofrecerase o concerto infantil de Astronauta Sideral Uxía Lambona e a Banda Molona (Praza do Concello, 19:00 h) e o día 16, o show de acrobacia aérea Desastronauts a cargo de Somos Circo (Praza Olonne sur Mer, 19:00 h).

O 8 de setembro, no día da Romaría dos Milagres, desde as 19:00 horas podarase disfrutar en Caión do espectáculo cómico familiar Oh-Pera, de Circo Chosco.

Programa Verán Tríptico 1 Laracha 2022

Programa Verán Tríptico 2 Laracha 2022

Comentarios