Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Os heroes de Prot. Civil da Laracha, de sufocar un incendio en Erboedo, ao inferno do Courel

2022.07.20.- Voluntarios de Protección Civil da Laracha
Os dous Voluntarios de Protección Civil da Laracha no Courel
Os heroes de Prot. Civil da Laracha, de sufocar un incendio en Erboedo, ao inferno do Courel

Contabamos onte que co lío que hai nas provincias de Lugo e Ourense cos lumes, tiveron que ser os Voluntarios de Protección Civil e a Policía Local da Laracha os que sufocasen un incendio na parroquia de Erboedo.

Pero é que os heroes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha, ademais, están a cooperar no operativo para a extinción do incendio do municipio lucense de Folgoso do Courel. Atendendo á solicitude da Xefatura Provincial de Emerxencias, Protección Civil da Laracha achegou dous voluntarios e un vehículo todoterreo que desde a mañá de onte están ao servizo do posto de mando avanzado prestando apoio loxístico.

2022.07.20.- Incendio Folgoso do Courel (Lugo)
 Incendio Folgoso do Courel (Lugo)

Os seus puntos de intervención son, principalmente, Triacastela e Samos, xa que a eses municipios foron evacuados parte dos veciños das vivendas afectadas polos incendios e aloxados en instalacións como o pavillón do colexio Eduardo Cela Vila e o Albergue Casa Forte de Lusío.

Os voluntarios laracheses, ademais de trasladar persoas e transportar enseres, roupa e alimentos, tamén se están a encargar de ofrecer protección e seguridade ao convoi dos vehículos particulares ao longo do traxecto duns setenta quilómetros de percorrido de regreso ás vivendas para aqueles veciños que foron autorizados. Durante as próximas horas continuarán cumprindo as indicacións do posto de mando avanzado.

Comentarios