Venres. 29.03.2024
El tiempo

A implicación, protagonista dos 8 laracheses do programa de Voluntariado Xuvenil

  • Este mércores remata o prazo das axudas escolares
Programa voluntariado xuvenil da Laracha- Sesión informativa coa Asociación Simbiose
Os rapaces do programa voluntariado xuvenil da Laracha nunha sesión informativa coa Asociación Simbiose
A implicación, protagonista dos 8 laracheses do programa de Voluntariado Xuvenil

Estes son os membros do novo grupo de laracheses que colaboran nas iniciativas municipais a través do programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Un programa para o que se cubriron todas as prazas, e que pretende involucrar á mocidade na vida municipal.

Os participantes están a realizar tarefas de apoio aos técnicos especializados nas diferentes actividades municipais de tipo cultural, social, educativo, deportivo, xuvenil, medioambiental e de promoción do benestar das persoas maiores e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Durante as últimas semanas cooperaron coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil na organización dos accesos e control de aforos na feira de Paiosaco, nas actividades culturais organizadas polo Concello e tamén durante os actos relixiosos das Festas dos Milagres de Caión. Tamén acodiron a unha sesión informativa sobre voluntariado europeo impartida polo persoal da Asociación Simbiose da Coruña.

Nos próximos días está previsto que presten colaboración ás cuadrillas medioambientais municipais.

Axudas escolares

Anunciaba o pasado mes o Concello as axudas por un total de 75.000€ para as axudas escolares. Axudas para as que remata o prazo de solicitude este mércores (7 de outubro). As contías poden ser empregadas para gastos derivados do comezo de curso como para gastos en material informático.

Madrugadores

Co inicio do curso escolar púxose en marcha un ano máis Madrugadores, o programa municipal que permite levar aos alumnos ao seu centro de ensino antes do inicio das clases e, deste xeito, adaptarse ás necesidades dos pais que entran a traballar antes de que comece o horario lectivo.

Son 58 as criaturas que o usan CEIP Otero Pedrayo e 22 no CEIP Alfredo Brañas, e aínda hai prazas dispoñbles. Para poder ser usuario é imprescindible que os pais xustifiquen a necesidade do servizo e formalizar a inscrición vía telemática na sede electrónica ou acudindo (requírese reserva de cita previa) ao Centro de Información ás Mulleres, situado no edificio administrativo da Laracha.

Comentarios