Investigado por cuadriplicar a taxa de alcoholemia tras unha condución errática pola AG-55
Esta semana a Garda Civil recibía unha chamada alertando da presenza dun vehículo cunha condución errática, invadindo constantemente o sentido contrario ao fluxo circulatorio á altura da rotonda de inicio da estrada AC-552. O coche continuaba do mesmo xeito cara á autopista AG-55, abandonando a citada vía na saída número 7 en dirección ao porto exterior onde tras colisionar coa barreira de acceso cambiou de sentido volvendo a reincorporase á AG-55.
O dispositivo de busca da Garda Civil atopou o coche a altura da peaxe de Paisaco, procedendo á súa detención para coñecer as causas que motivaban a errática condución. Ante os síntomas evidentes de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, procederon a realizarlle as probas de alcoholemia, arroxando un valor de 0,87 MG/L en aire espirado na primeira e de 0,91 MG/L na segunda, case 4 veces por riba da máxima permitida.
A Garda Civil, que agradece a colaboración cidadá, procedeu á investigación desta persoa, como presunto autor dun delito contra a seguridade vial.