Laracha aumenta as axudas en materia laboral dende que é “Concello Emprendedor”

“Concello emprendedor”. Ese é o novo distintivo que ten o Concello da Laracha (o prazo está aberto para concellos ata o 21 de maio) e que lle está servindo para recibir máis axudas. Así o corroboraba esta semana o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, despois dun encontro con alumnos e profesores sobre as iniciativas en materia laboral.
Os novos Obradoiros de Emprego son unha das causas de ter aumentado un 150% as axudas recibidas pola Xunta dende 2018, pero hai outros exemplos como o viveiro industrial. 310.000€/ano recibiu nos cursos 2016 e 2017 polos 780.000 €/ano do bieno 2018-2019.
A día de hoxe, o Programa Integrado de Emprego deste concello busca facilitar o acceso ao mercado laboral de 100 desempregados. Con respecto aos obradoiros, participan 36 persoas.
Bo estado das contas
Mentres, o departamento de Intervención está a finalizar as operacións contables da liquidación do exercicio económico 2019. Nos próximos días coñeceranse as cifras concretas, pero dende o Concello xa “adiantan que as magnitudes resultantes serán positivas e volverán poñer de manifesto a saneada situación económico-financeira do Concello da Laracha”.
Obras de humanización
Obras de humanización da Avda. Fisterra
Paralelamente comezaron as obras de humanización de catro rúas no núcleo urbano da capital municipal. As actuacións iniciáronse coa intervención prevista nun tramo da Avenida Fisterra, á altura do cruce coa rúa da Coruña, onde está a ser ampliada a beirarrúa. A continuación realizaranse as outras intervencións proxectadas e que se localizarán nas rúas Médico David Mallo Gómez, Enrique Muiño e Uruguai.
Obras de acceos á praia de Caión
Tamén están en marcha as obras nos accesos á praia de Caión desde a Avenida da Laracha. O proxecto inclúe tanto a mellora dos itinerarios para viandantes como do ámbito de circulación dos vehículos. A Ademais, crearase un espazo peonil de 250 metros de lonxitude que conectará coa beirarrúa existente na Avenida da Laracha, dándolle continuidade ata a praia, o que suporá unha mellora substancial dos accesos a pé.