A Laracha presenta o seu plan de campamentos e actividades para o verán

O Concello da Laracha presenta o programa municipal de actividades de verán, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto cun total de 16 propostas dirixidas a todos os públicos, aínda que especialmente pensadas para o infantil e xuvenil ao coincidir co período de vacacións nos centros de ensino.
Anímase a toda a veciñanza a participar nesta programación ampla, variada e de alta calidade, nunha renovada aposta por ofrecer un lecer activo, divertido, educativo, saudable e en contacto coa natureza durante a época estival.
As diferentes propostas de campamentos teñen un destacado peso na programación. Os Campamentos de Caión, que se levan a cabo en dúas quendas semanais por grupos de idade (7 a 12 anos), volveranse realizar na primeira quincena de xullo de luns a venres de 10:00 a 18:00 horas, incluíndo por tanto o xantar durante esas xornadas. Tamén volverá organizarse o Campamento Urbano (4-6 anos) e a segunda edición do Campamento Divercamp (alumnado de infantil e primaria), que inclúe temáticas como robótica, música, baile, e reforzo da aprendizaxe de idiomas. E para mozos de 13 a 18 anos ofertarase un ano máis a estadía de tres días nun parque multiaventura das Rías Baixas.
A gran novidade deste ano será o Campamento Dixital dirixido a rapaces de 9 a 17 anos e que se vai realizar en dúas quendas por grupos de idade en horario de mañá. Os participantes aprenderán a buscar información valiosa en Internet, hábitos saudables, pensamento crítico para identificar noticias falsas, profesións emerxentes, así como competencias dixitais para a busca de emprego, entre outros. Deberán ir completando etapas e misións para conseguir logros. Deste xeito, en cada aventura irán adquirindo novas competencias dixitais para utilizar Internet e as ferramentas dixitais de forma útil, creativa, segura e responsable. Ao finalizar, os participantes recibirán un certificado DigComp que acredita os coñecementos e competencias adquiridas na utilización das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións dentro do marco europeo. Esta actividade é unha iniciativa impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do programa de Competencias Digitales para la Infancia (CODI) posto en marcha polo Ministerio de Juventud e Infancia e o Alto Comisionado contra a Pobreza Infantil, financiado por Fondos Next Generation da Unión Europea.
No ámbito deportivo volveranse organizar os habituais campus de fútbol (5 a 15 anos) e de baloncesto (6 a 15 anos) de cinco días de duración e a realizar en instalacións da Laracha e de Paiosaco.
Como propostas a desenvolver nunha única xornada teremos actividades acuáticas como kayak e paddle surf na ría de Sada, rafting no río Ulla e surf en Caión. E tamén experiencias de aventura como o paintball (A Coruña), a visita ao Trampoline Park de Oleiros, unha ruta a cabalo no termo municipal da Laracha e unha xornada multiaventura en Padrón. Ademais, promóvense actividades familiares e sostibles como a 36ª edición do Día da Bicicleta e a Pequerruta en bici.
A inscrición, limitada a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha, poderá tramitarse en liña na web alaracha.gal/actividades ou ben presencialmente no Concello. O prazo para anotarse nos campamentos estará aberto entre o luns 26 de maio ás 9:00 h e o luns 2 de xuño ás 12:00 h, e neste caso as prazas outorgaranse, se fose necesario, por sorteo a realizar o martes 3 de xuño ás 10:00 horas no Salón de Plenos do Concello. Para as restantes actividades, nas que a praza se outorga por estrita orde de inscrición, o prazo abre o mércores 28 de maio ás 9:00 horas.
Cada unha das propostas do programa municipal terá requisitos específicos para poder participar nelas (idade, material, saber nadar, etc), unha información que pode consultarse con detalle tanto no portal web cidadán como nas redes sociais do Concello da Laracha.