As asociacións, protagonistas nas Letras Galegas da Laracha
Laracha arrinca o seu programa das Letras Galegas domingo 15 de maio. A música e o baile tradicionais galegos serán os protagonistas das actuacións que ofrecerán as asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión na praza Olonne sur Mer da Laracha a partir das 18:00 horas.
Nese mesmo lugar, o día seguinte (luns 16) ás 22:00 horas comezará o concerto de Sheila Patricia, artista emerxente que é considerada pola crítica musical como unha das voces de referencia da nova canción de autora en Galicia. A Laracha é o lugar escollido para presentar por primeira vez en concerto o seu novo disco Orixe, no que fusiona tradición e modernidade a través de ritmos e sons de todo o mundo. Este álbum inclúe dous temas con protagonismo para o noso municipio como son Canto de Caión e Maneo de Caión.
Para a rapazada
Os espectáculos para o público infantil e familiar tamén terán unha presenza destacada na programación municipal en torno ao Día das Letras Galegas, con propostas culturais nas tres vilas, todas elas a partir das 18:00 horas e con entrada libre e gratuíta.
A primeira será o luns 16 na Casa da Cultura da Laracha co espectáculo Brincadeiras da lingua, de Migallas Teatro.
O mércores 18 a biblioteca de Paiosaco acollerá o contacontos Rosa Caramelo e outras historias a cargo de Talía Teatro.
O programa pecharase o xoves 19 no centro sociocomunitario de Caión co artista Magín Blanco e o seu contacontos musical O que levamos nas maletas.
Ademais, ata o 18 de maio estará aberto o prazo para participar na segunda edición do concurso de marcapáxinas dirixido ao alumnado de educación primaria.