Sábado. 08.08.2020
El tiempo

O Plan de Axudas polo COVID da Laracha: de 600 a 2.100€ por autónomo

O Plan de Axudas polo COVID da Laracha: de 600 a 2.100€ por autónomo

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases reguladores do programa municipal de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19. Trátase da liña de axudas convocada polo Concello e dirixida a empresarios e autónomos do termo municipal da Laracha que foran obrigados a suspender a apertura ao público ou que sufriran minoración da súa facturación debido ao decreto do estado de alarma do pasado 14 de marzo.

Este plan municipal de axuda ao fomento do emprego subvencionará con ata un máximo de 2.100 euros a cada beneficiario, cunha contía fixa inicial de 600 euros que se incrementará en 300 euros máis por autónomo ou empregado ata o citado tope.

Para poder acollerse a esta liña de axudas é preciso cumprir os seguintes requisitos:

  • Ser autónomo, microempresa ou pequena empresa que desenvolva a súa actividade no termo municipal da Laracha e que estivese obrigada a pechar ou vise reducida a súa facturación durante o estado de alarma, polo menos, nun 75% tomando como referencia o último semestre de 2019, sempre e cando manteñan a actividade e os postos de traballo. Soamente será subvencionada unha solicitude por negocio.
  • Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Facenda estatal (AEAT), autonómica e local, e coa Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS).
  • Estar de alta no imposto de actividades económicas e desenvolver a súa actividade subvencionable no Concello da Laracha.

A partida orzamentaria destinada a atender as solicitudes destas subvencións está dotada inicialmente con 220.143,94 euros dos orzamentos municipais.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 20 días hábiles a contar desde mañá.

Novas relacionadas

comentarios