Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Pleno de acordos e desacordos na Laracha

Pleno Concello Laracha Setembro 2023
Pleno de acordos e desacordos na Laracha

Este xoves celebrouse o Pleno ordinario do mes de setembro. Unha das cuestións máis destacadas foi aprobada por unanimidade. Trátase da inclusión do proxecto de renovación completa da estrada da parroquia de Montemaior entre Santa Margarida e a DP 2404 na segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+) Adicional da Deputación da Coruña.
A actuación presenta un orzamento de 393.000 euros -máis outros 62.500 que inviste o Concello na expropiación dos terreos-. Afecta a unha distancia de 2.355 metros lineais pasando tamén polos núcleos de A Baiuca, O Sopé e Propeste, sendo por tanto unha vía que “vertebra as comunicacións nesa parte de Montemaior” como apuntou o alcalde, José Manuel López Varela.

Houbo dous puntos, aprobados cos votos da maioría popular, con certo desacordo. PSOE e BNG votaron en contra da imposición do PP dunha nova dedicación exclusiva (de 40.880 euros anuais), a de Pablo Cambón como encargado da dirección interna e a xestión da Concellería delegada de Patrimonio, Obras e Urbanismo. O BNG xa manifestara a súa posición contraria, pois non entende que esta proposta chegue 3 meses despois do pleno de organización. O PP explica que se debe "á complexidade e a gran cantidade de traballo que leva consigo".

Tampouco houbo acordo (desta volta BNG e PSOE abtivéronse) na aprobación da Conta Xeral do exercicio económico 2022. Péchase en 13.531.000 euros, o que supón preto dun 55 % de incremento con respecto ao orzamento inicial (8.618.000 euros), e cun remanente líquido de tesourería de 1.671.000 euros que o alcalde lembrou que “xa foron investidos”. López Varela apuntou que os datos poñen de manifesto “a cautela coa que se fixeron os orzamentos” que “son vivos” e que por iso pasaron a ter un aumento de case cinco millóns de euros durante o pasado exercicio económico.

Acordos

Houbo varios puntos aprobados por unanimidade, como a aprobación do I Plan Local de Infancia e Adolescencia, documento consistente nunha folla de ruta que articula o compromiso cos dereitos e o benestar dos nenos e adolescentes e orienta as políticas municipais nesa materia, expoñendo os retos e metas que se deben acadar para os vindeiros anos. O alcalde explicou que esta “iniciativa pioneira” permitirá “ter en conta as opinións da xuventude” co fin último de “escoitar á mocidade e tomar medidas políticas” no seu beneficio. Ademais, permitirá ao Concello optar ao “recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia que outorga UNICEF”.
 

Tamén houbo acordo dos tres grupos municipais na proposta de solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa para o financiamento do proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, en Golmar. 

Do mesmo xeito, foi aprobada a nova ordenanza municipal reguladora da administración electrónica, e tamén houbo unanimidade na aprobación da modificación do Plan Xeral de Prevención de Riscos e de Medidas Anti-Fraude.

Comentarios