Primavera teatral para o abril de Paiosaco
O Concello da Laracha presenta o programa da décimo segunda edición do ciclo de teatro de Paiosaco. A Primavera Teatral. Afianzado como un dos referentes da programación cultural municipal, desenvolverase ao longo do mes de abril no auditorio do centro sociocultural desa localidade e constará de tres espectáculos recomendados para maiores de 12 anos de idade, a partir das 21:00h e de balde
Do mesmo xeito que sucede cos Venres Teatrais da Laracha en novembro e con Teatro con Salitre de Caión en marzo, o Concello programa a Primavera Teatral en abril co obxectivo de ofrecer ao público local a oportunidade de achegarse ás artes escénicas presenciando espectáculos destas características.
A primeira cita será o venres día 14 con Arte sen guión da compañía Galeatro. A peza é unha especulación improvisada dun grupo de comediantes –Alba Bermúdez, Miguel Canalejo, Cris Iglesias, Nacho Martín, Tone Martínez- que, representando os entremeses compilados nun estraño códice da Idade Media, e enchendo as partes incompletas con axuda do público, pretenden dar resposta a se existiu o teatro medieval galego.
O venres 21 é a quenda para El sorteo de Cásina, unha adaptación da obra clásica de Plauto, o primeiro gran comediógrafo da literatura universal, a cargo de Corzo Producciones.
O ciclo pecharase o venres 28 con Bernarda, da compañía Malasombra Producións. A protagonista, interpretada por Luisa Merelas (coñecida polos seus papeis en Matalobos, Fariña e Casa Manola), tras quedar viúva a mediados dos anos ‘70 pretende que todo continúe sendo igual que sempre e que as que considera malas influenzas dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen nin a ela nin ás súas fillas, ás que dan vida ás actrices Celia González e Esther Aja.