Xoves. 02.05.2024
El tiempo

A Primavera Teatral prevé un abril cultural para Paiosaco

PRIMAVERA TEATRAL CARTEL laracha abril 2024
A Primavera Teatral prevé un abril cultural para Paiosaco

Non se pode definir como programación continua pero case. A aposta polo teatro do Concello de Laracha nótase na continuidade dos programas, así, tralo novembro cos Venres Teatrais da Laracha ou o marzo do Teatro con Salitre de Caión, este abril toca rescatar a Primavera Teatral, unha cita consolidada na vila de Paiosaco dende hai xa 13 anos. 

Como é habitual, o ciclo deste ano constará de tres funcións a celebrar sempre en venres, ás 21:00 horas e no Centro Sociocultural de Paiosaco, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade máxima do auditorio.

A primeira peza será o 12 de abril con Apaga o candil, unha proposta de Contraproducións escrita e dirixida por Cándido Pazó e protagonizada por Avelino González e Toni Salgado. A obra céntrase na figura de Carlos O Xestal, folcrorista, contador de historias e humorista galego de gran popularidade nos anos ’60. O espectáculo promete divertir, emocionar e facer reflexionar ao público mediante a reivindicación da riqueza da tradición oral e a memoria rural como bases da identidade cultural. Está dirixida a maiores de trece anos.

O día 19 será a quenda para a arteixana Asociación Cultural Faiscas, formada integramente por mulleres afeccionadas ás artes escénicas, con A pousada da pantasma coxa. A peza, dirixida a todos os públicos, ten por protagonistas a dúas camareiras de piso dun pequeno hotel que, para atraer clientela, deciden ofertalo como un edificio habitado por unha pantasma coxa que aparece polas noites.

A última función, o venres 26, será O auto de Castromil, de Producións Teatrais Excéntricas. Cun elenco composto por Victor Mosqueira, Patricia Vázquez, Marcos Orsi e Rocío González, baixo a dirección de Quico Cadaval, o espectáculo, feito con anacos de obras de Manuel María, acontece nunha viaxe onírica por Galicia a bordo dun coche de liña. O espectáculo é pensado para maiores de 13 anos de idade.

Comentarios