Rueda e Pontón crúzanse nos polígonos de Bergantiños

Esta mañá de xoves cruzáronse nos polígonos de Bergantiños o presidente da Xunta, Alfonso Rueda (PP), e a voceira do primeiro partido da oposición, Ana Pontón (BNG). O popular participou inauguración das novas instalacións da empresa Unifersa para poñer en valor o tecido industrial do país; mentres que a nacionalista visitou o polígono de Bértoa, en Carballo, máis en clave reinvidicativa, esixíndolle ao PP que de “discriminar e agraviar” a Carballo e acometa as infraestruturas pendentes no concello.
Na Laracha

Ruedo acodía acompañado da Conselleira María Jesús Lorenzana, alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López, e a deputada provincial, Mónica Rodríguez, entre outras autoridades. E facíao para poñer en valor o sector industrial da provincia.
Unifersa é unha distribuidora de Ferretería e Subministros Industriais que comezou a súa actividade en Almeiras (A Coruña) no ano 2006, nunha nave de 2.000 m2. Despois un primeiro traslado en 2012 a un almacén de 5.000 m2 no Polígono de Vilar do Colo (Fene), en 2019 a empresa adquiriu 42.000 m2 de terreos no Polígono Industrial da Laracha, onde se construíu nunha primeira fase unha nave de 18.100 m2 e o Edificio de oficinas de tres plantas de 900 m2 cada un.
Estas novas instalacións, que superan os 15 millóns de euros de investimento, cuadriplican a capacidade loxística de Unifersa e permitiralle pasar das actuais 12.000 referencias a unhas 28.000 referencias en stock dispoñibles de todos os seus socios e clientes.
En Carballo

Pontón, acompañada do alcalde Evencio Ferrero e integrantes do grupo municipal de goberno, visitou ás instalacións da empresa Herfraga, firma dedicada á fabricación e exportación de maquinaria para o sector da conserva da que destacou o seu carácter innovador e na que exemplificou a capacidade produtiva e exportadora que ten o país.
Pero quixo facer fincapé na necesidade de investimentos da viña. Exemplificou a discriminación da Xunta con Carballo no polígono de Bértoa, que a día de hoxe, non dispón do solo que precisa porque “o Executivo do PP ten paralizada a súa ampliación dende hai 16 anos”. “Pedímoslle á Xunta e ao señor Rueda que non fagan de tapón no desenvolvemento económico e industrial, que non freen a creación de emprego nesta comarca e que se execute dunha vez un polígono industrial que é necesario e que están reclamando tanto o concello como os empresarios e empresarias”, reclamou.
Lembrou tamén a parálise na creación da demandada circunvalación, unha infraestrutura que non estivo lista en 2022 como prometera a Xunta en 2019 nin parece que estará para 2025, como prometeu a Xunta o pasado ano.
Falou tamén as “inxustas peaxes” que paga a veciñanza de Bergantiños, en relación á falta de liberación da peaxe da AG-55 a pesar de ter eliminado as peaxes noutras 4 autoestradas do país (Salnés, Barbanza, Ourense - Celanova e Santiago-Brión).