A Xunta sobre a peaxe da AG55: “Tan importante son as bonificacións como as tarifas”

Volveu pasar polo Parlamento a peaxe da AG55. A segunda vez dende que a Xunta decidise eliminar as peaxes na sombra de catro autoestradas (Salnés, Barbanza, Ourense - Celanova e Santiago-Brión). Foi o PSOE o que levaba unha proposición para que a Xunta suprima as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica AG-55 -A Coruña – Carballo- e AG-57 -Val Miñor-.
Pero o non do PP volveu ser rotundo. Tocoulle a papeleta ao director da Axencia Galega de Infraestruras, que estivo moito máis tempo da súa resposta escudándose nas incoherencias entre a posición do PSOE para con estas auoestradas e a AP9, que falando das razóns polas que o PP non quere eliminar a peaxe na autoestrada de Bergantiños. Desta volta non deixou a porta aberta, como si fixera Roberto Rodríguez o pasado xaneiro, e referiuse á “coherente liña da Xunta”pois “tan importante son as bonificacións como as tarifas”.
Foi o portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, o encargado de lembrarlle que “o goberno central bonifica o 75 por cento das peaxes, mentres o goberno de Rueda tan só bonifica o 25 por cento, co que un traballador que viaxa entre A Coruña e Carballo ten que pagar 1.200 euros ao ano aínda con axudas”.