A Semana do Libro enche ás Bibliotecas da Laracha
O 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro, e con esa excusa, o Concello da Laracha organiza unha programación municipal dirixida ao público infantil que consta de catro propostas, que percorrerán as parroquias larachesas, comezando ás 18:00h.
O primeiro evento será o mércores día 20. O Mago Teto chegará á biblioteca da Laracha co seu espectáculo “4500 anos da incrible historia da maxia”.
O xoves 21 será a quenda para “A alquimista” (a ciencia dos libros), a cargo de Cristina Collazo na biblioteca de Paiosaco.
O venres 22 no centro sociocomunitario de Caión, Teatro Gazafelhos porá en escena “A máquina do tempo”, unha peza de teatro dirixida a nenos a partir de cinco anos de idade na que se ilustra, dun xeito ameno e pedagóxico, a historia das civilizacións nunha aventura educativa creada a partir do humor.
Por último, o sábado 23 na biblioteca da Laracha ofrecerase o contacontos para bebés (nenos de 0 a 3 anos de idade) “Corochas” a cargo de Xarope Tulú. O espectáculo combina a narración oral, a manipulación de obxectos e a música.
Danza
Caión será este domingo pola mañá un dos escenarios do proxecto ESCORA que pon en marcha a Deputación da Coruña en torno á celebración do Día Internacional da Danza. A praza Eduardo Vila Fano -en caso de choiva, o centro sociocomunitario da vila- acollerá a partir das 12:00 horas dúas actuacións de danza contemporánea: Miña Xoia, de Clara Ferrao, e Alleo, do Colectivo Glovo, que presenta por primeira vez ao público a súa nova peza. Cada unha delas terá unha duración aproximada de quince minutos. A xornada rematará cun encontro co público mediado por Marcia Vázquez.