A AMEGA, en contra da devastación dos nosos montes
- A Asociación de Medios en Galego pídelle á sociedade galega que tome conciencia da importancia e riqueza forestal; e aos gobernantes que fagan unha verdadeira política forestal baseada na ordenación e na prevención dos nosos montes.
Parecía que iamos pasar un verán bastante tranquilo. Parecía que a tétrica estampa do 2006 non se ía repetir. Pero tan só 8 anos despois, Galicia volve aparecer nas cabeceiras de todo o Estado cun negro protagonismo. Máis de 20.000 hectáreas foron pasto das lapas durante este verán, un terzo durante setembro. E non semella que sexa froito da casualidade.
A AMEGA vese na obriga moral de facer un chamamento á sociedade e aos poderes públicos para que se conciencien da necesidade de traballar conxuntamente polo futuro do país. Por iso, pon en marcha unha iniciativa colectiva na que vincula a a case 20 medios de comunicación na difusión dun comunicado conxunto e un banner publicitario que chama a concienciación na defensa dos nosos montes. É unha campaña social, sen axudas públicas, que só ten coma finalidade o ben público.
Agora é tempo de sacar conclusións, como outras tantas veces que nos atopamos cos bosques queimados. Pero unha e outra vez tropezamos ca mesma pedra. Non houbo un só goberno que prantexase un verdadeiro Plan de Ordenación Forestal nun país onde a madeira é unha das principais industrias e onde as árbores son os nosos maioritarios habitantes.
Sen política de prevención
Galicia segue sen ningunha política de prevención. As brigadas comezan a traballar cada ano máis e máis tarde, e xullo xa non é mes para traballar na limpeza e no desbroce dos montes. E se o aforro é un argumento, realmente compensa que haxa máis de 7.000 efectivos na extinción sen facer ningún esforzo na prevención? Realmente compensa economicamente despois mobilizar técnicos, axentes forestais, brigadas, motobombas, helicópteros, hidroavións e ata efectivos da UME para sofocar como aconteceu nos graves incendios do Barbanza, Cualedro, Oia-O Rosal, ou o Monte Pindo.
Pero, unha vez que xa temos a desfeita diante de nós, cómpre tomar cartas no asunto. Hai que investigar cales son as causas, quen son os culpables. E aí todos temos traballo, toda a sociedade galega; medios de comunicación, administracións e, por suposto, os veciños. Moitas son as que saen nas conversas, nos medios menos institucionais... Pero poucas as respostas.
Tamén as forzas de seguridade teñen que facer unha verdadeira investigación policial en todos os casos, dobrando esforzos en casos tan lamentables como os de Oia, Cualedro, A Fonsagrada ou Carnota. Pero a veciñanza ten que respostar vixiando, informando ao 085, e sobre todo, denunciando aqueles movementos estranos que vexa nos noso montes. Agora máis que nunca, non hai que ter medo de ir ao monte.
Non podemos esquecer que as consecuencias dos incendios en Galicia agrávanse dende mediados do século pasado pola progresiva desertización do campo e o abandono do medio rural. Nos últimos anos, e de xeito moi continuado o lume espállase polos montes e milleiros de árbores e mato vólvense cinza e miseria.
O número de incencios apenas diminuiu o que nos sinala que moitas das causas estruturais dos lumes nos montes galegos seguen existindo.
Por unha política forestal global
Máis alá das medidas a curto e medio prazo, Galicia necesita unha política forestal global, que contribúa a dar valor ao monte e que aposte pola fixación da poboación no medio rural. Todo iso na liña das conclusións das xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega no 2006.
En Galicia fai falla unha fonda reflexión. Por iso, a Asociación de Medios en Galego fai un firme chamamento a toda a sociedade galega para que tome conciencia da importancia e r iqueza dos nosos montes, e especialmente, que obrigue aos nosos gobernos, sexan da cor que sexan, a facer unha verdadeira política forestal baseada na ordenación e posta en valor dos nosos montes.
AMEGA
A AMEGA constituíuse este ano para a defensa conxunta dos intereses dos medios en galego, garantir a pervivencia do idioma e procurar vías de financiamento que garantan o seu sustento. Está constituída polos seguintes medios:
Se ben a Asociación de Medios en Galego segue en proceso de crecemento, a día de hoxe está formada por 15 medios (A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Cadernos de Comunicación e Análise, Certo -- xornal do Barbanza, Compás da Costa -- revista dixital da Costa da Morte, Crónica 3 -- xornal dixital da Mariña Lucense, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza Pública, Quepasanacosta.com -- xornal dixital da Costa da Morte, Radiofusión -- rede de emisoras municipais galegas, Sermos Galiza, Tempos Novos, Terra Cha Xa e Valminor.info).
- Asinado: Asociación de Medios en Galego.
Máis información
- Album de Fotos sobre o Incendio no Facebook de Que pasa na Costa .
- Twitter @Quepasanacosta ou #IFCarnota.
Novas sobre o #IFCarnota
- 18-09-13: Saltan as muxicas da crispación arredor do Monte Pindo.
- 16-09-13: A Comunidade de Montes de Caldebarcos e a Cooperativa de Quilmas alzan a voz dende a terra queimada.
- 15-09-13: Existe unha verdadeira investigación policial sobre o incendio?.
- 14-09-13: Acabou o inferno. Toca traballar na recuperación, reflexionar e investigar.
- 14-09-13: O lume máis devastador chega ao Ézaro mentres o pobo se fractura.
- 13-09-13: Continúan as lapas ameazando o Pindo e ao Ézaro cando chegan as primeiras reflexións.
- 12-09-13: Un incendio arrasa o Monte Pindo e obriga a desaloxar varias aldeas de Carnota.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).