A Escola Municipal de Teatro de Cabana clausúrase este sábado cunha convivencia teatral


Este sábado 4 de xuño, a partir das 16.00 h, o Auditorio Municipal de Cabana de Bergantiños acollerá unha xornada de convivencia teatral coa que se clausurará o presente ano cultural. Un total de 11 obras serán as que se suban ás táboas a cargo de máis dun cento de actores e actrices dirixidos por Silvia Losada Crende. O elenco de protagonistas poderán demostrar toda a súa sabedoría aprendida nas aulas de teatro da Casa da Cultura e nos distintos locais sociais das parroquias de Fontenla, Cundíns, A Mata, Anos, Borneiro e Corcoesto. Con esta xornada de convivencia amósase o labor realizado ó longo do ano, que en citas anteriores mesmo recibiu premios como o Certame de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís.
Os títulos das obras que subirán ás táboas son: Bob Esponja, Uns nenos un pouco rabudos, A xuntanza dos ratos, Os tres cabuxiños, O Papón, María e Manuela xa son maiores, A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella, A princesa Amanda e Leonardo, o poeta, O país dos mandóns, A maldición da bruxa e O xuíz dos divorcios.
A organización ofrecerá unha boa merenda para que actores e actrices repoñan as forzas despois de tanta representación teatral.
Novas relacionadas
- As parroquias cabanesas de Neaño e Mata disfrutaron cos tres cabuxiños.
- A parroquia cabanesa de O Esto prepara o San Xoán.
Fonte
- Nota de prensa do Departamento de Cultura, Educación e Normalización Lingüística de Cabana.