A loita contra a mina de Corcoesto recibe o apoio de Greenpeace e se solidariza con México
Doble novidade sobre a loita contra a mina de ouro de Corcoesto. I é que por fin chegou, segundo nos contan dende a Plataforma pola Defensa de Cabana de Bergantiños, o apoio de Greenpeace. Unha grande nova para os grupos que loitan contra a mina pois se trata do principal grupo ambientalista a nivel estatal, polo número de socios e potencia de movilización, e tamén conta cunha ampla presencia en Galicia.
A primeira das medidas que van tomar dende a entidade será unha campaña en redes sociais, así que estaremos atentos para compartir.
Solidariedade con Seirra Laguna (México)
A segunda nova chega en clave de solidariedade. I é que a loita contra o ouro non é algo exclusivo da comarca de Bergantiños. A Plataforma pola Defensa de Cabana de Bergantiños vén de rubricar o seu apoio común ao proxecto contra a megaminaría tóxica na Reserva da Biosfera de 'Sierra Laguna' en Baja California Sur (México). Dende Cabana aseguran que "están facendo un excelente traballo, estamos en contacto con eles e as dimensións do proxecto ten moitas similitudes co que se quere traer a Cabana de Bergantiños na mina de Corcoesto. Ademais a súa loita acaba de ser apoiada polo mesmísimo fillo do "Comandante Cousteau"".
Valoran dende a Plataforma que "resulta incrible que personaxes de relevancia internacional estean a mostrar o seu claro rexeitamento a este tipo de explotacións, polos temibles efectos, entre outros elementos, do arsénico e o cianuro na saúde e no medio", e critican que "un veterinario metido a político como Xosé Muiño Domínguez (PP), alcalde de Cabana, estea condeando o futuro desta terra e á saúde das súas xentes a través do seu apoio directo á mineira de Corcoesto".
Comunicado de Apoio dende Cabana a México
A Plataforma en Defensa de Cabana de Bergantiños, solidaria coa Reserva da Biosfera de 'Sierra Laguna' en Baja California Sur (México). Aínda que a megaminaría é un problema novo en Galicia, as grandes corporacións transnacionais do sector fai xa tempo que operan noutros países, especialmente en Latinoamérica.
Todos os proxectos megamineiros son grandes factores de alteración ambiental, e todos os grupos que intentan protexer o seu territorio e buscan un futuro mellor para os seus deberían ser considerados. Non obstante, algúns emprendimentos mineiros destacan pola afectación que causan a algúns dos últimos paraísos virxes do planeta, como é o caso dos proxectos de Los Cardones e Pitalla na Reserva da Biosfera de 'Sierra Laguna', no estado mexicano de Baja California Sur (máis información en www.defiendelasierra.org).
Dende a Plataforma en defensa de Cabana de Bergantiños unímonos solidariamente a esa loita porque tamén nos representa. Como reiteradamente se comentou, a Costa da Morte e en xeral toda Galicia, alberga unha das franxas costeiras con maior produtividade biolóxica do mundo, e tamén loitamos para defendela.
É urxente a defensa de 'Sierra Laguna'. Recentemente, e en palabras dirixidas ás máis altas autoridades mexicanas, Jean-Michel Cousteau, presidente da Ocean Futures Society e fillo do mítico "Comandante Cousteau" co que moitos coñecemos a importancia fundamental dos océanos, sinalaba que "Se as autoridades encargadas da protección deste fráxil ecosistema non actúan de inmediato tendo en conta as xeracións presentes e futuras, a contaminación e a destrución do que Jacques Cousteau describiu como o acuario do mundo, sería inevitable".
Dende o espazo, a Terra é unha xoia azul suspendida nun baleiro negro acibeche debido ao reflexo da luz do Sol na vasta extensión de auga que a cobre. Ningún outro planeta do sistema solar alberga tal cantidade de auga en estado líquido. Ningún posúe as xoias de paisaxe e biodiversidade do noso mundo.
Polos que hoxe viven. Polos que están por vir.
PROTEXÁMOLA.Novas relacionadas
Máis novas
Fonte