Venres. 26.04.2024
El tiempo

Escolares de Cabana coñecen dende dentro á familia de Íntegro

Escolares de Cabana coñecen dende dentro á familia de Íntegro
Escolares de Cabana coñecendo a discapacidade en primeira persoa Escolares de Cabana coñecendo a discapacidade en primeira persoa

Non hai mellor maneira de profundizar na normalización da diversidade que dende dentro e dende a mocidade. Por iso proxectos como “Visítanos”, que desenvolve a Asociación Íntegro, son tan importantes. A través do proxecto, incluído no programa Capacíta-T, escolares de toda a comarca poden coñecer a fondo o Centro de Recursos de Nantón. Esta actividade educativa permite concienciar e sensibilizar aos escolares en materia de diversidade e inclusión.

Onte os/as protagonistas foron os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CPI AS Revoltas de Cabana que, xunto aos nosos usuarios e usuarias, gozaron dunha xornada moi didáctica, lúdica e chea de curiosidades.

As preguntas comezaron case nada máis chegar. A primeira hora da mañá as aulas de Íntegro comezaron a encherse de alumnos/as coas pilas ben cargadas e a lección aprendida, como xa demostraron durante a xuntanza de grupo que tivo lugar antes de dar comezo a visita polas instalacións. Aínda que case todos/as aseguraron coñecer a persoas con discapacidade, a maioría recoñeceu saber moi pouco sobre a realidade do seu día a día ou como relacionarse. E para amosárllelo proxectouse un vídeo titulado “Lo incorrecto” que, a través de situacións tan absurdas como divertidas, intenta cambiar a ollada da sociedade rompendo moitas ideas preconcibidas e falsos estereotipos. O momento máis agardado por todos/as os/as participantes chegou coa visita aos obradoiros. Se o aprendizaxe é un proceso sinxelo a estas idades, xogando aínda o é máis. Porque iso é o que fixeron ao longo da mañá os 47 alumnos/as do centro cabanés. Entre risas e caras de asombro polos logros acadados, foron percorrendo as diferentes aulas e talleres. Actividades Entre as actividades preferidas dos/as estudantes destacaron as de artes manuais (elaboración de xabóns de glicerina e bixutería) e o taller de cociña. Nesta ocasión, ademais de descubrir habilidades que tiñan ocultas, os escolares levaron para a casa cadansúa pulseira de macramé, feita por eles/as mesmos/as, e a satisfacción de ter elaborado unhas riquísimas rosquillas que tamén tiveron ocasión de degustar. Na sala de logopedia e ximnasia as risas estiveron garantidas cos xogos de coordinación e equilibrio así como nas probas de mobilidade reducida amosando gran destreza sobre a cadeira de rodas e unha capacidade de empatía e adaptación sobresaínte. Ao remate da xornada tocou valoración e exposición de todo o aprendido. E o resultado foi espectacular! Os/as estudantes confeccionaron un mural no que plasmaron as súas experiencias no centro e algún que outro segredo de taller que nos deixaron como recordo do seu paso polo centro e co que nos animan a non deixar de voar, e de soñar porque a diversidade é cuestión de capacidades.

Queres visitar Íntegro

Desde Íntegro animan a todos os centros educativos da Costa da Morte a participar nos diferentes programas educativos que temos en marcha (Diverescola, Visítanos, Prevención de lesións medulares) e apostar por unha educación inclusiva, rica en valores e comprometida coa diversidade.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios