Presentado o plan de sinalización das rutas e bens patrimoniais do Parque do Megalitismo da Costa da Morte

O Centro Arqueolóxico de Dombate, epicendo do proxecto, acolleu esta semana unha xuntanza de traballo da Deputación da Coruña cos concellos participantes no Parque do Megalitismo da Costa da Morte para avanzar no desenvolvemento do proxecto. O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e os xefes de Arquitectura e de Patrimonio da Deputación,  reuníronse cos responsábeis políticos e técnicos dos concellos que forman parte do proxecto.

Nesta xornada, a orde do día centrárona tres cuestións: a sinalización das rutas e bens patrimoniais do parque; o estado das expropiacións e titularidade dos terreos; e a incorporación dos integrantes do comité científico —encargado de valorar as novas incorporacións ao consello de dirección, avaliar as actuacións e actividades e asesorar en materia de definición de accións.

Beiras, San Vicente e Penas

Modelo unitario de sinalética

A Deputación presentou unha proposta de sinalización «unitaria, o máis sinxela posíbel, que identifique as rutas e os emprazamentos concretos dos bens patrimoniais para dar unha información patrimonial complementaria, sen competir coa sinalización turística que xa está nas estradas», aclarou Penas. Os representantes dos concellos aprobaron a proposta, que se adaptará aos demais parques que xestiona a Deputación da Coruña: Compostela Rupestre  e o Parque da Idade de Ferro.

Expropiacións e titularidade dos terreos

Sobre o estado das expropiacións e a titularidade dos terreos do parque, Penas informou de que está en proceso de tramitación un contrato na Deputación, «que abranguerá todo o traballo que hai que facer sobre as expropiacións desa primeira fase». «Está xa nun estado moi adiantado; só falta a aprobación de fiscalización, pero contamos con tela nun par de semanas», engadiu.

Un último asunto tratado foi o da comunicación en prensa e redes sociais de todo o labor e actividades do parque. «Xa o empezamos a traballar no departamento de Patrimonio e, entre outras propostas, queremos crear unha páxina web onde todos os concellos e a Deputación poidamos actuar e interactuar xunto cos outros dous parques que xestionamos».

Penas rematou valorando positivamente a xornada. «Houbo un acordo total en todos os puntos, pero tamén cadramos en que o proceso vai demasiado lento». «Hai», explicou, «moitos temas administrativos polo medio que non dependen exclusivamente de decisións políticas, así que debemos procurar entre todos axilizar os trámites bastante máis».

Vindeira xuntanza

A Deputación ten previsto convocar outra xuntanza para agosto ou setembro. «Retomaremos», dixo o deputado, «todos os asuntos que tratamos hoxe e outros que vaian xurdindo, pero sobre todo temos que darlle prioridade e solución canto antes aos temas da expropiación e da sinalización, que sacaremos a licitación nos próximos días».

 

NOVAS SOBRE O PARQUE DO MEGALITISMO