Presentado o plan de sinalización das rutas e bens patrimoniais do Parque do Megalitismo da Costa da Morte
O Centro Arqueolóxico de Dombate, epicendo do proxecto, acolleu esta semana unha xuntanza de traballo da Deputación da Coruña cos concellos participantes no Parque do Megalitismo da Costa da Morte para avanzar no desenvolvemento do proxecto. O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e os xefes de Arquitectura e de Patrimonio da Deputación, reuníronse cos responsábeis políticos e técnicos dos concellos que forman parte do proxecto.
Nesta xornada, a orde do día centrárona tres cuestións: a sinalización das rutas e bens patrimoniais do parque; o estado das expropiacións e titularidade dos terreos; e a incorporación dos integrantes do comité científico —encargado de valorar as novas incorporacións ao consello de dirección, avaliar as actuacións e actividades e asesorar en materia de definición de accións.
Modelo unitario de sinalética
A Deputación presentou unha proposta de sinalización «unitaria, o máis sinxela posíbel, que identifique as rutas e os emprazamentos concretos dos bens patrimoniais para dar unha información patrimonial complementaria, sen competir coa sinalización turística que xa está nas estradas», aclarou Penas. Os representantes dos concellos aprobaron a proposta, que se adaptará aos demais parques que xestiona a Deputación da Coruña: Compostela Rupestre e o Parque da Idade de Ferro.
Expropiacións e titularidade dos terreos
Sobre o estado das expropiacións e a titularidade dos terreos do parque, Penas informou de que está en proceso de tramitación un contrato na Deputación, «que abranguerá todo o traballo que hai que facer sobre as expropiacións desa primeira fase». «Está xa nun estado moi adiantado; só falta a aprobación de fiscalización, pero contamos con tela nun par de semanas», engadiu.
Un último asunto tratado foi o da comunicación en prensa e redes sociais de todo o labor e actividades do parque. «Xa o empezamos a traballar no departamento de Patrimonio e, entre outras propostas, queremos crear unha páxina web onde todos os concellos e a Deputación poidamos actuar e interactuar xunto cos outros dous parques que xestionamos».
Penas rematou valorando positivamente a xornada. «Houbo un acordo total en todos os puntos, pero tamén cadramos en que o proceso vai demasiado lento». «Hai», explicou, «moitos temas administrativos polo medio que non dependen exclusivamente de decisións políticas, así que debemos procurar entre todos axilizar os trámites bastante máis».
Vindeira xuntanza
A Deputación ten previsto convocar outra xuntanza para agosto ou setembro. «Retomaremos», dixo o deputado, «todos os asuntos que tratamos hoxe e outros que vaian xurdindo, pero sobre todo temos que darlle prioridade e solución canto antes aos temas da expropiación e da sinalización, que sacaremos a licitación nos próximos días».
NOVAS SOBRE O PARQUE DO MEGALITISMO
- Maio 25: Os concellos abren o proceso de adquisición de fincas para o Parque do Megalitismo da Costa da Morte
- Abril 25: Deputación e os 12 concellos retoman, outra vez, o Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte
- Outubro 24 Deputación e concellos xuntáronse para avanzar no proxecto do Parque de Megalitismo da Costa da Morte.
- Maio 24: Vimianzo solicita a inclusión do Castro das Barreiras no Parque Arqueolóxico do Megalitismo.
- Outubro 23: O Consello Director do Parque do Megalitismo da Costa da Morte focaliza os seguintes pasos na difusión.
- Novembro 21: Coristanco súmase ao Parque do Megalitismo co dolmen de Chan das Embarradas.
- Xuño 21: Xornadas de Promoción: Pondal fainos reflexionar sobre o potencial do Parque do Megalitismo.
- Maio 21: O Parque do Megalitismo avanza coa organización dunhas xornadas e o acordo para sinalizar os 17 momumentos
- 12-04-21: A Deputación e 10 concellos intentan o impulso definitivo ao Parque do Megalitismo da Costa da Morte tras 20 anos de promesas.
- Decembro 2020: A pandemia tamén provocou o eterno retraso do Parque do Megalitismo.
- Novembro 2018: O Parque do Megalitismo dá pasos concretos.
- Marzo 2018: A Deputación recupera do caixón do esquecemento o Parque do Megalitismo da Costa da Morte:
- 2014: O Parque do Megalitismo da Costa da Morte, 13 anos de quimera.
- Outubro 2011: Pasiño a pasiño co Parque do Megalitismo.
- Xullo 2008: Un paso máis cara a aprobación final do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte.