Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A proposta de The Break para o sector turístico da Costa da Morte: Unha maior colaboración entre entidades e administracións locais

Foto presentacion reto the Break Costa da Morte 2
A Casa do Pendón, en Cabana, foi un dos centros de traballo e albergou o evento final do proxecto
A proposta de The Break para o sector turístico da Costa da Morte: Unha maior colaboración entre entidades e administracións locais

Remata hoxe a fermosa experiencia de 14 talentosas emprendoras europas na Costa da Morte. O proxecto The Break, desenvolto na Costa da Morte por Noelia Rodríguez de PymeOn e Inés Silva, do Islow Coliving de Laxe, chegou ao seu fin coa presentación dun documento que axude á comarca a desenvolver o sector turístico. Un documento que será continuado por un novo grupo de profesionais europeas que repetirán experiencia en outubro e que utilizarán o traballo das que hoxe volven ás súas realidades para completar a extratexia global e propoñer novas accións concretas.

Con todo, só a súa presenza na comarca e o feito de compartir a súa experiencia nas súas redes sociais permitiu achegar a Costa da Morte a máis de 37.000 persoas de lugares Hungría, Alemaña, Polonia, Italia ou Francia.

Dous produtos concretos

O proxecto estaba enfocado para axudar a desenvolver dous produtos turísticos concretos: Vía Céltica e Destino Starlight.

Tras dúas semanas embriagadas coa “enerxía” da comarca, todas coincidiron nun claro diagnóstico: “a Costa da Morte teno de todo”, e só queda comunicalo e trasladalo ao mundo. Para iso, as emprendedoras propoñen un plan de accións concretas relacionadas coa visibilidade nos medios de comunicación e nas redes sociais, coa importancia de ter mensaxes claras que describan a comarca como un destino ideal para os amantes da natureza e o ecoturismo, así como a gastronomía.

Pero sobre todo fixeron fincapé na necesidade de crear unha gran alianza entre todas as entidades e administracións locais para crear en común un plan estratéxico. En apenas dúas semanas decatáronse da fenda que hai entre a sociedade civil, o empresariado do sector e as administracións, un obstáculo dificilmente salvable.

Así e todo, o proxecto evidenciou a falta de atención das administracións locais e do empresariado en xeral nas accións comarcais, o que fai ser pouco optimista en que sexamos capaces de capitalizar e aproveitar ese talento nunha posta en marcha real das ideas e solucións que estas talentosas mulleres nos ofrecen para promover o turismo sostible e fixar poboación na zona. Apenas o alcalde, José Muíño e a ADL de Cabana, Silvana Facal, ademais da técnica de turismo de Laxe, María Mato, e unha representación vimiancesa estiveron presentes no evento.

Presentacion reto The Break Costa da Morte
O alcalde de Cabana, como anfitrión e membro da directiva da CMAT, non faltou

As protagonistas

Compre poñer nomes e apelidos ás profesionais que compartiron experiencias e conviviron no Islow Coliving de Laxe: Daria Trints, Natalia Volpe, Essenam Enaku, Nerea Allende, Julia Jasdi, Dominika Bartonova, Valentina Nobili, Yasmin Al Sibai, Iza Karmiezcka, Katarzyna Glisczcynska, Veronique Geist, Alina Cohen-Peirano, Cristiana Rocha e Eszter Ortutay-Kovacs. Así como ás Yolanda Díaz, Virxinia Barros, Manolo Amigo e Ubaldo Cerqueiro que compartiron o seu coñecemento sobre a comarca como os “locals” do proxecto.

RELACIONADOS

Comentarios