Sábado. 12.10.2024
El tiempo

Xurxo Borrazás tamén di non á Mina de Corcoesto

Xurxo Borrazás tamén di non á Mina de Corcoesto
Xurxo Borrazás tamén di non a mina de Corcoesto

O escritor carballés Xurxo Borrazás vén de mollarse (canta falta fai que os valuartes culturais da zona se mollen en asuntos de actualidade socio-política e medioambiental, como fixo no pregón do San Xoán carballés Cándido Pazó coa camisola da Plataforma en Defensa de Corcoesto) coa Mina de Corcoesto.

Un proxecto que está levantándo polémica, cos seus detractores e os seus defensores máis enfrontados que nunca. Un proxecto que chega a todas os niveis, ata o punto de que as festas están sendo pasto da controversia, unha vez que a comisión de festas vén de escoller a orquestra Canadá, país da empresa mineira.

En todo caso, imos escoitar as palabras do escritor carballés.

Carta de Xurxo Borrazás: Corcoesto

Afirma unha das grandes fortunas yankies, o carroñeiro Donald Trump, mangante de altura ao que os xornais chaman magnate, que España está enferma, con febre, e hai que aproveitalo. “Alí”, refírese a “aquí”, “dancho todo por nada, podes mercar terra por un prezo irrisorio, podes mercar o que sexa por nada!” Para estes especuladores e criminais que inzan na desgracia allea, coma quen lles rouba as carteiras aos feridos nun accidente, somos un choio, unha mina! De febre, mangantes, choios e minas vai este conto triste.

A febre é a do ouro, a mina é a antiga explotación de Corcoesto e os mangantes son dunha banda a empresa canadiana quen vén a arramblar con todo o que brille, agora que ouro é produto estratéxico e obxecto de especulación, e doutra banda a Xunta do PP, que escolta, aplaude e co-patronea o espolio e a destrucción do noso patrimonio mineral e natural para valerse electoralmente da promesa de 270 postos de traballo, falsos, que o propio Feijóo eleva con descaro a 1400.

Estamos ante outra fabrica de baterías de Mitsubishi, u-la? Outro xacemento petrolífero no Gran Burato, -ulo? Outra fábrica de coches eléctricos en Melón, u-la? Outro grande investimento de Pemex para os estaleiros, u-lo? Ou dos chineses no Porriño, u-lo? A outro nivel, o ouro de Corcoesto é o noso Benvido Mr. Marshall. Ou, se se quere, o Eurovegas do Pinocho de Montepío e dos alcaldes do PP: corrupción, desfeita natural, impacto paisaxístico, espolio de recursos, leis á medida do capital e, no noso caso, toneladas de cianuro.

Pero este proxecto ten ademais un tufo de colonialismo do terceiro mundo, e de século XIX, que tira para atrás. Non só están en cuestión os recursos ou a sostibilidade da zona senón que compromete a dignidade da comarca e do país. Para algunhas persoas a dignidade non conta, nin o que pase dentro de dez anos cando o ouro perda peso nos mercados da especulación e fiquemos co agasallo dos cráteres inmensos, a maquinaria enferruxada, as balsas tóxicas, os montes de entullo e o Anllóns polucionado. Outras persoas vense presionadas pola desesperación do paro a admitir o que sexa. Son situacións reais, pero propias do século XIX. A cidadanía libre e consciente debe situarse no século XXI, defender o patrimonio herdado e saber preservalo para que o herden os que han de vir. O tesouro non está baixo terra, sobre todo se o levan outros e a nos nos deixan o entullo e a polución: o tesouro está na superficie, na fita de prata do Anllóns e nos montes coma tetas moles cubertos de verde.

Non aos embustes e a manipulación de Corcoesto. Si ao futuro de Bergantiños e a Costa da Morte.

  • Xurxo Borrazás. Escritor carballés.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios