Sábado. 20.04.2024
El tiempo

5 rutas con Senda Nova para coñecer a bisbarra a pé

5 rutas con Senda Nova para coñecer a bisbarra a pé

A Asociación Senda Nova vén de presentar o seu noov programa de roteiros de sendeirismo "I Outono en Marcha", que conta coa colaboración do Concello de Carballo.

Unha iniciativa que pretende realizar percorridos por lugares de especial valor patrimonial, histórico, natural e paisaxístico, mudando o punto de vista para observar a comarca a través da choiva, das follas secas e do outono.

Calendario de Rutas

  • Ruta das Férvedas: 21 de outubro Transcorre polo Concello de Carballo, saíndo da Brea e terminando en Entrecruces. Caracterízase por dous saltos de auga de gran fermosura, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, e a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel.
  • Razo-Baldaio para protexer: 28 de outubro. Con saída en Santa Mariña e chegada en Castrillón, Senda Nova explica que se animou a realizar este percorrido en outono para poder observar a lagoa de Baldaio coa presenza das aves migratorias, unha das riquezas deste espazo natural.
  • Traba de Laxe - Santa Mariña: 11 de novembro. Está previsto que a ruta inclúa unha visita a Camelle para poder ver o Museo de Man, pasando por Arou e Santa Mariña e probablemente se modifique, segundo explica Evaristo Domínguez, para poder rematar no Faro Vilán, visitando espazos como Monte Branco ou o Cemiterio dos ingleses. Todo o percorrido é pola costa.
  • Terras do Marqués: 25 de novembro. Con saída en Gontade e chegada en As Pallas, inclúe a visita a dúas mámoas, un castro e ao Pazo de Vilardefrancos, rematando no Pazo das Pallas.
  • As pegadas do wolframio: 23 de decembro. Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre.

Máis información

Respecto das inscricións, Senda Nova quere facilitar a participación, polo que os interesados/as poden anotarse: na base de Protección Civil de Carballo (edificio do antigo ambulatorio) de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; e no Pazo da Cultura, mércores, xoves e venres de 18.00 a 20.00 horas. O prezo, que inclúe un bocadillo para comer no medio da ruta, é de 6 euros para os maiores de idade e de 3 euros para menores e socios. A data límite de inscrición é 2 días antes da celebración de cada ruta.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios