A Costa da Morte demostrou que o feminismo non está en crise
"O feminismo non está en crise". Así o deixou claro este venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Costa da Morte. Facendo valer o lema da Organización de Mulleres Buserana, todos os recantos da bisbarra celebraron unha data ata o de agora necesaria, pero que debería celebrarse 365 días ao ano.
Xa limos o manifesto que os usuarios de Íntegro prepararon onte, e de contado imos repasando as citas que tiveron lugar ao longo da bisbarra. Se ben, compre lembrar que esta tarde Muxía acolle a presentación dun libro en clave feminina.
Unh praza violeta en Cee
Como sempre cada 8 de marzo, e cada 25 de Novembro, Día contra a Violencia de Xénero, a Praza 8 de marzo de Cee convirtese no epicentro da Costa da Morte. A Buserana, a única asociación feminista da zona, encheu de cor violeta a praza, pensando ademais en todas as idades.
Comezaron os pequenos aprendendo en igualdade cun obradoiro de globoflexia. De contado, as bravas mulleres da Buserana, que chegan de varias vilas da zona como Cee, Corcubión, Sardiñeiro, Muxía, Vimianzo, Carnota... procederon á lectura do manifesto para dar un sentido á sempre reivindicativa concentración.
A festa continuou na Bombonera en tono festivo e para disfrute de nais, pais e pequenos.
Comunicado 8 de marzo da BUSERANA
As mulleres de Buserana celebramos este Día Internacional das Mulleres porque estamos comprometidas coa liberdade, o que vai necesariamente unido á igualdade. Queremos vivir en igualdade e, hoxendía, non podemos. Impuxéronnos unha reforma laboral que precariza cada vez máis as condicións de traballo. O aumento dos seus beneficios implica, para moitas de nós, traballos que son explotación, e nos que vivimos con medo: a que nos boten, a que nos insulten ou ignoren, a que nos toquen... A conciliación non é posíbel sen garderías e flexibilidade horaria; non facilitala é unha sobrecarga para nós. A corresponsabilidade nas tarefas do fogar e no coidado das demais segue a ser unha meta, e de novo nos vemos sobrecargadas. E ante a nosa insatisfacción, o sistema só oferta pílulas (léase consumo e control) para durmir e soportar o día a día. Seguimos a ser cuestionadas cando decidimos libremente a nosa sexualidade, e escoitamos declaracións que afirman, de xeito insultante, que se amamos a outra muller non deberiamos ter os mesmos dereitos. A súa falta de respecto, tan grave vindo dun representante público (non pode amosar máis ca o descoñecemento do que é o amor), é unha mostra clara da moral conservadora e retrógrada que nos pretenden impór. Precisamos educar contra a presión que sofren nenas, adolescentes e mulleres para se cinguir ao guión patriarcal de muller-que-debe-vivir-para-servir-coidar-e-gustar. É un ron que non admitimos máis. Denunciamos de novo que cada vez que se valora a apariencia, vestimenta ou estilo dunha muller antes que o seu traballo, a súa capacidade e mais a de todas nós perde valor e pasa a un segundo plano, retrocedendo décadas no acadado. Tamén queren decidir sobre o noso corpo. E sendo a maternidade, efectivamente, un dereito irrenunciábel de quen opte por ela, somos nós, as mulleres, quen queremos decidir, pois tamén é un dereito igual de irrenunciábel optar polo contrario de xeito seguro coa garantía dun aborto libre e gratuíto na rede sanitaria pública. A hipocrisía da sociedade fica en evidencia cando falamos dos miles de mulleres que no Estado Español son prostituídas, porque hai consumidores sen escrúpulos, nun negocio que goza da complicidade de tantos poderes. Por isto,hoxe o tráfico de nenas e mulleres é moi lucrativo; cada segundo seis nenas son mutiladas xenitalmente nunha das formas de control máis brutais, cada día hai crimes nos que as mulleres son agredidas, encadeadas, violadas ou asasinadas como compensación do honor das súas familias, a violación sistemática de mulleres en situación de guerra ou de ocupación segue a ser un feito,... e a maior parte destas manifestacións da barbarie machista cométense con total impunidade. A feminización da pobreza vai en aumento, achegándose ás tres cuartas partes, e arrastrando ás nosas fillas e fillos á miseria. E nacer muller, inda hoxe, implica moitas máis probabilidades de sufrir violencia física, sexual, psicolóxica ou verbal. Violencia que anula, violencia que mata. Violencia da que saben moi pouco os políticos que se atreven a poñela en dúbida, faltando gravemente ao respecto a todas aquelas mulleres que a sofren, e facendo un gran dano a quen tenta saír dela. E si, estamos en crise, anque nós non queremos falar da económica, que ven sendo unha gran estafa que se ceba nas persoas máis desprotexidas, coa que xustifican retrocesos que non imos permitir. Mais si cremos que nos atopamos nun momento crítico, no que os dereitos acadados e construídos tras anos de loitas son derrubados a unha velocidade de vertixe. No que se busca a volta a un sistema baseado nas desigualdades e na busca do máximo beneficio económico sen importar o custe humano, a todas luces inxusto e insuficiente. No feminismo buscamos unha sociedade máis xusta e libre para todas, e iso é incompatíbel co capitalismo voraz no que vivimos, asentado no patriarcado perpetuo dos poderes económico, político e relixioso. Pensamos que un outro mundo é posíbel, mais para acadar un cambio cada unha e cada un de nós tamén ha de mudar: o xeito de negociar, de nos relacionar, de respectar e até de sentir ou de ambicionar. Tristemente, tamén a título individual moitas persoas seguen as máximas capitalistas, e priorizan a eficiencia dos resultados ante o pracer e o respecto no camiño andado, os cartos ante as persoas, o beneficio individual ante o ben común... Nós, feministas, propómos a colaboración no canto da competencia, a solidariedade fronte á indiferencia, o criterio humano sempre antes có económico, ... Haberá quen diga que é moi doado desexar, mais imposíbel de conquerir. Falso. Cada vez que actuamos dun xeito ou doutro, inclinamos a balanza cara o mantemento do que hai, ou cara un cambio no que teremos que aprender novas fórmulas para moitas cousas. Cada pequeno cambio formará parte dun futuro mellor. Non nos xustifiquemos culpando só a quen ocupa postos de poder, económico ou político. Porque como parte da sociedade tamén somos responsábeis, e cadaquén podemos entrar no mesmo xogo, ou non. Non normalicemos o que son abusos, non utilicemos as necesidades das demais para aproveitarnos da súa vulnerabilidade. Non vale o “todo o mundo fai así”; unha, porque non é certo, e outra, porque cadaquén responde dos seus actos, non dos dos demais. Non nos escudemos nos males da sociedade para permanecer na apatía: reaccionemos e mudemos o que non vai ben. O feminismo non está en crise, porque traballamos para acadar un mundo no que mulleres e homes, dende as nosas diferenzas, construamos relacións en igualdade, dende o respecto e a solidariedade, escoitando e acompañándonos no camiño. Camiño que pasa, tamén de xeito irrenunciábel, por reparar a outra gran crise que acompaña á da desigualdade nas desfeitas do capitalismo sen fin: a crise ecolóxica. Feminismo é solidariedade, feminismo é ecoloxía, feminismo é liberdade en igualdade. Grazas.Un mural en Vimianzo
Fermosa e moi simbólica a homenaxe que os usuarios e usuarias do RISGA veñen de realizar no Concello de Vimianzo. Levaban uns días preparando este mural, dirixidos pola psicóloga Mª José Pose. Onte, venres, os mesmos usuarios levaron o mural rematado á entrada do concello, e xa o trasladaron á Casa da Cultura, onde quedará exposto nos vindeiros días.
Exposición e agasallos en Ponteceso
Ao longo desta semana, os departamentos de Servizos Sociais e de Cultura, percorreron todas as parroquias da nosa localidade para felicitar e agasallar ás nosas mulleres polo seu traballo e dedicación, como esta redeira. Do mesmo xeito, aproveitaron para fotografialas no seu entorno laboral ou doméstico co fin de expoñelas no Centro Cultural desde o venres 8 (Día Internacional da Muller) ao venres 15 de marzo.
A biblioteca municipal acolle, tamén, unha exposición sobre mulleres escritoras dende hoxe ata o venres 15 de marzo.
Un mes á Muller en Muxía
O Concello de Muxía, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, realizou actos de sensibilización e concienciación a prol da igualdade de xénero desde o mes pasado no Instituto de Educación Secundaria Ramón Caamaño, co alumnado de 1º e 2º, asimesmo onte, día 8 de marzo, colocouse unha pancarta conmemorativa no balcón principal da Casa Consistorial e a concelleira da muller, Mónica Vilela, leu un manifesto ante os traballadores e traballadoras do Concello e membros da corporación, asi como da veciñanza que se quixo achegar a conmemorar este día.
Os actos de conmemoración rematarán hoxe, sábado, día 9 de marzo, ás 19 horas, no Salón de Actos do Voluntariado, coa presentación do libro de Aurora Marco “Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana” e a proxección do documental de Pablo Ces “Teresa Alvajar. Compromiso e paixón pola terra”, acto no que participará a autora do libro.
Ademais o Concello dedica o mes de marzo da Galería Mulleres a Teresa Alvajar. Este programa – Galería Mulleres- que pretende visibilizar a aportación da muller á sociedade e difundir o servizo da Biblioteca da Muller, comezou a súa andadura en marzo do 2010, polo que esta semana cumple 3 anos durante os cales cada mes se homenaxeou a unha muller significativa pola súa obra.
Un novo concurso Implícate en Camariñas
E co ánimo de continuar o traballo de sensibilización, promoción e implicación da igualdade de oportunidades a Área de Igualdade do Concello de Camariñas coa colaboración da Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, organiza un Concurso de fotografía nas redes sociais "Implícate". O obxectivo do concurso non é outro que premiar as instantáneas que mellor transmitan a necesidade dunha sociedade onde a igualdade entre mulleres e homes sexa unha realidade.
Anímate co teu móbil ou coa túa cámara de fotos e comparte en Facebook e Instagram a túa creatividade inspirada na igualdade de oportunidades.
Máis información
Novas relacionadas
- Un manifesto Íntegro polo Día da Muller.
- A Galería Mulleres de Muxía cumple 3 anos con Teresa Alvajar.
- A Costa da Morte celebra un 25N en contra do cómplice silencio.
- 25N sen silencio: Curtas que non calan.
- 2011: Día da Muller Traballadora: Unha loita moi viva.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).