Martes. 19.03.2019
El tiempo

Jaqui Lista: "As nosas avoas foron as que nos abriron o camiño e as que dignificaron a nosa profesión"

Jaqui Lista: "As nosas avoas foron as que nos abriron o camiño e as que dignificaron a nosa profesión"

Jaqueline Lista é mariscadora a pé en Camariñas. Se buscamos unha estampa autóctona galega, esta pode ser a foto das mulleres traballando a gachas nas rías e desafiando á dura temperatura da auga. Falamos das mariscadoras, esas mulleres que durante xeracións obtiveron e obteñen os tesouros que o mar esconde baixo os areais da nosa costa. A maioría son mozas nun oficio moi antigo, fillas e netas de mariscadoras. Jaqueline Lista Fateira (Camariñas, 1975) é mariscadora a pé en Camariñas desde hai aproximadamente dez anos e, a pesares do duro que pode chegar a ser o oficio, principalemente para a súa saúde, di que non o cambiaría por nada do mundo. “A min encántame. Tes que vivilo e tes que nacer nun porto mariñeiro", di. Falamos con ela.

  • QPC: Desde cando es mariscadora?

Eu son filla de mariñeiros, tanto por parte de pai coma de nai. Todo pai quere que o seu fillo estude. Nós somos unha familia mariñeira. Eu son a terceira de catro irmáns, e os catro estudamos. Foi a herdanza que nos deixaron. Pero no meu caso, fixen un FP2, estudos para os que non conseguín traballo. Entón casei para Camariñas e, desde ese momento, o meu marido e máis eu collemos un bar mariñeiro. O meu home tiña unha embarcación e dedicouse a ir ao mar. Anos máis tarde, pasei da hostalaría e tamén fun mariñeira. Logo pasei a ser patroa e actualmente son mariscadora a pé.

  • QPC: Como é a túa xornada laboral?

En Camariñas, ata agora, mariscamos quince días ao mes cando a marea está baixa. O meu día comeza ás sete e media da mañá cando poño o meu traxe de rana. Logo collo o meu rastro e desprázome en coche ata a zona de traballo. Traballamos catro horas.  O primeiro punto de control témolo na praia. Os vixilantes mírannos os berberechos e as ameixas. Despois pesamos a carga para depositala no camión e transportala á lonxa, onde se poxa. Ao día seguinte facemos a mesma manobra, pero media hora máis tarde. Sempre dependemos de como estea a marea na zona na que imos traballar.

  • QPC: Cal é o traxe apropiado para soportar as condicións da auga?

Aquí teño que dicir que as persoas mellores pasáronnos peor ca nós. Elas mesmas nos deron moitas facilidades para que teñamos un traballo moito mellor. Porque elas ían a mariscar tan tranquilamente de pantalón curto e incluso moitas delas non levaban guantes. Nós, a raíz de que elas nos ensinaron que iso non é bo, levamos todo o ano traxe de neopreno, uns mocasíns, uns guantes e unha gorra. No verán, eu sei que teño moita calor pero aguanto. Levo o neopreno un pouco máis fino porque á larga, co paso do tempo, e aínda que pareza que non, a suor queda impregnada entre o neopreno e o meu corpo. Esa humidade vai quedando, acumúlase e aféctache aos ósos.

  • QPC: Sofres algunha doenza relacionada coa profesión?

Si, eu son das mariscadoras novas, pero xa veterana. Opereime do metacarpiano dunha man, e penso que proximamente me terei que operar da outra.

  • QPC: E a pesares disto, nunca te plantexaches deixar este traballo, non?

Non. A  min encántame o meu traballo. Tes que vivilo e tes que nacer nun porto mariñeiro. Ademais, nos outros traballos... se es autónoma xa tes que facer unha burrada de horas, e se es traballadora por conta allea pois tamén. E seguramente fas moitas horas que non se deberían facer. Pero sendo mariscadora sabes que vas traballar esas catro horas, e despois o resto do día telo libre para coidar os nenos ou estar na casa. É bastante compatible co resto das actividades.

'O marisqueo a pé en Camariñas está enfocado máis ben á muller porque é un complemento máis que entra na casa.'
  • QPC: O certo é que co paso dos anos, as traballadoras do mar fostes dignificando unha profesión na que as mulleres eran case invisibles. Pasastes de ocupar un posto marxinado social e economicamente a ser un colectivo en alza...

Non te imaxinas o que tal pelexaron as nosas avoas para que teñamos os dereitos que nós temos agora. Elas ían mariscar sen protexerse, sen pagar á Seguridade Social e tampouco  tiñan recoñecementos das enfermidades que derivaban do seu traballo. Elas foron as que de verdade nos abriron o camiño. Antes traballabas as mareas da mañá e da noite e viña un comprador que che daba dous pesos polo teu traballo. Non se valoraba para nada. Elas foron as que dixeron ata aquí, temos que defender os nosos dereitos.Se te paras a pensar é un traballo privilexiado, así que as grazas temos que darllas a elas. Por outra parte, eu vexo que o marisqueo a pé en Camariñas está enfocado máis ben á muller porque é un complemento máis que entra na casa. O meu home ten unha embarcación e ao mellor fanlle falta ganar 1.000 euros á semana para cubrir gastos. Eu con 400 euros á semana xa é un bo soldo porque non teño máis gastos. Traio un extra.

  • QPC: Hai furtivismo na ría de Camariñas?

Non temos tanto. Pero si hai catro que xa máis ou menos os coñecemos. É máis, están dentro de nós. Porque se son persoas que nese momento o fan por unha necesidade,  non pasa nada. O problema é que si hai dous ou tres na nosa asociación que sabe onde está o marisco, si que fan dano. Hai moita xente que quere o teu, o seu e o do veciño. Esa xente si que é un problema.

  • QPC: Desde hai uns anos participas nas rutas de turismo mariñeiro nas que  lle ensinades aos visitantes o voso traballo. Que tal a experiencia?

A min encántame ensinarlle á xente o que é o meu traballo. Non é o mesmo que eu che explique o que eu sinto cando estou alargando as masas ca que ti o trates de entender. Cada grupo de persoas transmítecho de diferente forma. Por exemplo, os nenos agradécencho dándoche a man, o que me fai sentir unha persoa importante [ri]. A verdade é que moi ben. https://quepasanacosta.gal/de-ruta-coas-mariscadoras-de-camarinas/  

Comentarios