O BNG pide á Xunta que cree unha liña de axudas sen condicionantes para as mariscadoras de Camariñas

O BNG vén de presentar iniciativas no Parlamento para que o goberno galego cree unha nova liña de axudas, con fondos propios, para as mariscadoras de Camariñas mentres dure a situación de inactividade laboral, sen condicionantes de posuír un determinado número de días traballados no exercicio anterior. Os nacionalistas tamén solicitan que se fagan públicos os informes encomendados a SEAGA sobre o estado das augas, dos fondos, dos moluscos e da materia viva e inerte nas zonas de traballo das mariscadoras de dita localidade.
A formación nacionalista considera que a situación pola que está a pasar a agrupación de mariscadoras de Camariñas “é insostible dende os puntos de vista laboral, económico e emocional”, e sinalou que este verán só 15 traballadoras estiveron facendo traballos para remover os fondos durante 3 meses. Ademais, o BNG indicou que a bióloga da zona plasmou nos últimos informes que non se pode ir a mariscar a ningún areal, porque non hai mar
O grupo nacionalista subliñou que a día de hoxe, de 50 mariscadoras a pé, só quedan 30 de alta nos plans de explotación, das que só 15 están activas. Así mesmo, as restantes 20 traballadoras de a pé, “ou xa se xubilaron, ou pediron excedencias, ou están en procesos de solicitude da invalidez ou buscaron outras actividades laborais”.
O BNG lembrou que a Consellaría do Mar encargou a SEAGA en novembro do 2023 diferentes traballos para elaborar proxectos de conservación da biodiversidade e restauración ecolóxica dos ecosistemas mariños e dos seus hábitats por un importe de 1,3 millóns de euros, para saber o estado dos moluscos, executar actuacións sobre as zonas estudadas e facer un seguimento científico e de divulgación dos resultados. “Mais a realidade que temos é que as mariscadoras seguen sen mariscar e sen información deses estudos realizados por SEAGA para saber con exactitude que é o que está a pasar na costa de Camariñas; se tiñan o encargo de divulgalos, por que non son públicos?”, advertiu a formación nacionalista.