“É unha mágoa que as mariscadoras estean limpando as praias en lugar de mariscar”
Foron as verbas da Ana Miranda tras acodir a unha limpeza de microplásticos no Concello de Muros. A eurodeputada leva mergullada destes días no concello muradán, despois de levar á alcaldesa María Lago ata o Parlamento Europeo para expoñer a xestión municipal como exemplo de boas prácticas ante a crise dos microplásticos.
Pero a realidade é que as mariscadoras de Muros estiveron este sábado limpando, man a man, co voluntariado de Afundación, na praia de Ventín. Este enclave, no que as correntes mariñas depositan nestes meses de inverno unha importante cantidade deste tipo de residuos, estaba cheo de microplásticos pero máis de lixo mariño: botellas, envases, tapóns e outra serie de obxectos plásticos de orixe continental, así como nasas, cordas, cabos, cabiños e marañas de sedelas, extraviadas durante a actividade pesqueira. Xunta eles, e mesturadas coas algas de arribazón, varios centos de boliñas plásticas.
A xornada serviu para eliminar 230 kg de lixo mariño da praia muradá.
Críticas á Xunta
Pola súa parte, Miranda aproveitou para cargar contra a Xunta. “O problema é que temos un goberno do PP ausente, máis preocupado por manipular a realidade e facer oposición á oposición que en ter a costa limpa e sen vertidos. É un problema ter un goberno negacionista”. Para Ana Miranda “é insultante” que o Partido Popular, no goberno da Xunta nos últimos 14 anos, non se preocupe pola situación do sector marisqueiro, o incompleto saneamento das Rías ou pola afectación do cambio climático á temperatura das augas –que afecta tremendamente á actividade extractiva- e polo uso de fondos europeos no caso de paralización temporal da actividade”. Neste sentido lembra que ”o goberno galego deixou sen executar, como xa ven sendo habitual, unha gran cantidade dos fondos europeos dos que dispón”.