Camariñas colocará dúas placas en memoria dos represaliados da Guerra Civil
O Concello de Camariñas colocará o próximo martes 31 de outubro dúas placas en recordo dos veciños e veciñas do municipio represaliados durante a Guerra Civil.
Na Ponte do Porto o acto será ás 12 horas na rúa Outeiro, diante da casa de Mazaeda, na que viviu un dos sindicalistas da vila que correu mellor sorte que os seus compañeiros xa que logrou escapar a Cuba, zona na que estaban tamén os sindicatos de obreiros. Os recordados da vila porteña son: Andrés Celestino Balsas Vello, Pacifico Constante Campa Santos “Constante de Correa”, Ramón Carballo Tajes, Manuel Carracedo Balsa, Adolfo Antonio Grela e Antonio Santos “Castañiñas”.
As 13:00 será o acto en Camariñas, coa colocación dunha placa nos xardíns da dársena, diante onde durante os anos anteriores á ditadura estivera o Liceo, unha sociedade para mariñeiros e obreiros. Os recordados serán Jacinto Campaña Martínez, Faustino Dios Vidal e Juan Fernández Moreira.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explica que “o que pretendemos con estes homenaxes é saldar unha débeda histórica cos veciños e veciñas que loitaron pola liberdade e a democracia durante a Guerra Civil”. “Que a historia non esqueza os seus nomes”, afirmou.