Camariñas lembran aos 9 asasinados polo franquismo
Emocionante o acto realizado esta mañá de martes 31 de outubro na Ponte do Porto. O Concello de Camariñas inauguraba unha placa para render homenaxe aos 9 veciños asasinados polo franquismo.
O acto coincidiu co Día do Recordo e Homenaxe ás Vítimas do golpe militar, a guerra e a ditadura, establecido pola ‘Lei de Memoria Democrática’.
Presidiu o acto a subdelegada do goberno María Rivas, que xunto á alcaldesa Sandra Insua, quixo destacar a idea desta homenaxe: “Que a historia non esqueza os vosos nomes”: Ramón Carballo Tajes, Andrés Celestino Balsa Bello, Manuel Carracedo Balsa, Constante Campa Santos (“Costante de Correa”), Jacinto Campaña Tajes, Faustino Dios Vidal, Juan Fernández Moreira, Adolfo Antonio Grela e Antonio Santos (“Castañiñas”).
Rivas sinalou que se trata “dun acto de reparación, xustiza e dignidade e que recoñece o compromiso coa liberdade e cos valores democráticos da veciñanza desta vila”.
Realmente son dúas as placas instaladas en dous lugares emblemáticos que representan a loita contra o franquismo dos veciños e veciñas do municipio.
A primeira, en homenaxe aos 6 veciños porteños (Ramón, Celestino, Manuel, Constante, Antonio e Adolfo) colocouse na Ponte do Porto, diante da casa de Mazaeda, onde viviu o coñecido sindicalista local Rogelio Mazaeda Novais, que pasou catorce anos na clandestinidade ao ser perseguido polos seus ideais esquerdistas durante o franquismo, ata que logrou escapar a Cuba e comezar unha nova vida.
No caso da segunda placa, o lugar escollido polo concello foi diante dos xardíns da dársena, onde nos anos previos á ditadura estivera o ‘Liceo’, unha sociedade para mariñeiros e obreiros. Neste caso, os homenaxeados son Jacinto, Faustino e Juan, veciños que foron asasinados polo réxime franquista e enterrados nunha foxa común.
“O olvido non é unha opción para mellorar a nosa democracia”, lembraron en alusión ás persoas que queren deixar enterrada a nosa memoria histórica.
Máis novas