Xoves. 25.04.2024
El tiempo

‘Camariñas está de moda’

Valoración Xurado Noveis 1 copia
Imaxe do Certame de Noveis Deseñadores
‘Camariñas está de moda’

Volveu ser Camariñas un auténtico fervedoiro por Semana Santa. A XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña encheu dende a xornada de inauguración ata o domingo a vila. Foron arredor de 21.500 persoas as que pasaron pola carpa dende o mércores ao domingo, nunha das mellores cifras de visitantes que se recorda, sendo o sábado, con 4.500, o mellor dato de asistencia dun sábado dos últimos 11 anos.

PúblicoXXXIMostra copia
Numeroso público facía complicado entrar en cada desfile

Con estas cifras non cabe dúbida de que a Mostra é un dinamizador para o turismo e a hostelería de todo Camariñas pero sobre todo son os stands alí presentes os que se benefician do público chegado de todas as partes de Galicia, de España, e de diferentes puntos de todo o mundo que atrae o evento. Por iso, durante a clausura, a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, afirmou que “chegado este momento podemos dicir con orgullo que moitísima xente encaixa no paraíso, tanta que o slogan podería ser ‘Camariñas está de moda’.

Encarna Liñeiro
A concelleira da Mostra Encarna Liñeiro

Todo para ver, cunha total normalidade, esta demostración de como unha artesanía centenaria se pode convertir en obxecto fetiche da moda máis vangardista. O éxito dos desfiles, da mestura que provoca a atracción de grandes deseñadores e a emoción do certame dos noveis, marida á perfección con ese sabor de tradición que ofrecen as centos de palilleiras que dan o toque de autenticidade a esta arte.

Este ano a gran novidade era a volta das delegacións internacionais. “Compartir a nosa arte con outros países é unha proba de que a nosa forma de entender a vida non ten fronteiras. Somos unha gran familia, esteamos en Peniche, en Novedrate ou en Sofía”, sinalou Liñeiro

Delegaciones Internacionales Mostra Encaixe Camarinas
Desfile das Delegacións Internacionais

Estas compartiron protagonismo cos desfiles de Grandes, Noveis Deseñadores, Artencaixe e tamén o novo espazo de VodaEncaixe. Todo dirixido no escenario por un elocuente Saulo Fernández, o corcubionés de moda nas pasarelas tanto de Tele5 como do encaixe.

Desfiles

Grandes Firmas Modesto Lomba copia
Modesto Lomba

Os Desfiles dos Grandes Deseñadores, coordinados este ano pola empresa do modelo vimiancés Damián Álvarez son un dos grandes reclamos da Mostra. Nomes como Amaya Fernández, Modesto Lomba, Ana Cabranes,Edith del Valle, Inés Fernández,  María Campaña, Sara Lage, Lalacó Atelier, Jorge de Álvarez, Esteban Freiría, KKOU, ou Dolores Cortés así o demostran.

Álvaro Castillo, gañador do Certame Noveis Deseñadores

GANADOR ÁLVARO CASTILLO copia
Álvaro Castillo

Finalmente foi Álvaro Castillo o gañador do XXVIII concurso de Noveis Deseñadores. A súa colección Remind convenceu máis ao xurado profesional, utilizando tecidos e prendas da súa avoa, que faleceu e á que lle quixo dedicar o premio. Mëu Kiez, de Pablo González Moreno acadou o segundo posto do certame (e tamén o premio do público), mentres que El Taller, de Vanessa Parente e Beatriz Chan, quedou en terceiro lugar.

Entregaron os premios Encarna Liñeiro, José Figueroa, Luis Canosa e José Manuel Ameal. Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios divididos do seguinte xeito: un primeiro premio de 2.100 euros, un segundo de 1.200 euros, un terceiro de 600 euros, e o “Premio especial do público”, tamén de 600 euros.

Cómpre deixar claro a importancia deste certame, con 25 mozos e mozas chegadas de Asturias, Alicante, Guipúscoa, Pontevedra, Zaragoza, A Coruña, Cantabria, Zaragoza, Murcia ou Madrid, formados nas mellores escolas do estado, para dar o seu primeiro gran salto no mundo da moda. O xurado estivo composto polas seguintes deseñadoras e deseñadores: Amaya Fernández, Edith del Valle, Modesto Lomba (presidente), Inés Fernández, Charo Carrillo, Felipe Santamaría, Franco Quintáns, Jorge de Álvarez e Esteban Freiría.

FOTO FAMILIA COLECCIONES GANADORAS copia
Foto de familia dos gañadores

‘VodaEncaixe’

VodaEncaixe 3 copia

Unha das novidades da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña é o espazo de ‘VodaEncaixe’, unha zona instalada no segundo pavillón e onde as parellas que o desexen puideron deseñar integramente o seu casamento sen saír do recinto.

Neste recuncho os asistentes poden atopar, da man de empresas locais e do deseñador Jose Matteôs, todo o que precisan para organizar unha cerimonia de voda: vestidos de Matteôs Novias, vehículos de Alebura, a Floristería Alecrín que aplica encaixe nos ramos e en detalles de voda, os detalles de Agasalla Encaixe Agasalla Amor e a cobertura fotográfica da man de Diego Alonso Fotógrafo.

ArtEncaixe

Artencaixe MOstra Camarinas

Tamén serviu a mostra para combinar artesanías. Aí estiveron presentes Ana Freiría (orfebrería artística), Charo López Atelier (complementos de moda), Estilo Aramar (complementos de moda), Janet Schulz (tocados de noiva), Arteviares (artesanía en vidro), Mar Barral (laboratorio de ideas), Noelia Peña (xoiería de autor con deseños personalizados), Pilar Rodríguez ‘En Lá’ (artesanía en complementos textís), Suso Calo (artesanía en plata e talla), Xelis Luaces (encaixe experimental e aplicación), ONG Egueire e nomeadamente a Olería de Buño.

Novas relacionadas

Comentarios