Camariñas reivindica o seu paraíso no comezo da Mostra do Encaixe

Arrincaba onte mércores 13 de abril a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, esa demostración de que unha artesanía centenaria pode converterse nun exponente da moda máis vangardista e moderna. Facíao cunha xornada xa completa de actividades e desfiles, que lembraba aos tempos previos á pandemia.

Concello, Deputación, Xunta e Goberno central estiveron representadas no acto de inauguración. A alcaldesa Sandra Insua salientou que “Camariñas volve a ser a capital da moda en Semana Santa” e fixo referencia ao regreso das delegacións internacionais para enviar unha mensaxe “de unión entre pobos, de diplomacia, de que todos somos iguais”. Lembrou a situación en Ucraína e á familia instaladas na vila ás que invitou a integrarse ao cen por cen e a pasarse pola Mostra. “Seguro que vós encaixades no paraíso”, afirmou facendo referencia ao lema desta edición.
Pola súa parte, o presidente da Deputación Valentín González Formoso, destacou que “na Deputación levamos tres décadas colaborando para que esta Mostra do Encaixe sexa un punto de referencia a nivel nacional e internacional durante a Semana Santa”. Puxo o foco nas “xeracións de palilleiras que soubestes manter vivo o lume da tradición nas vosas familias”, esas artesás camariñás que “mantiveron vivo este legado cultural con séculos de historia e transmitilo ás novas xeracións”.
Pero tamén falou en clave de presente e futuro, remarcando a capacidade de Camariñas para “exportar moda, tradición, vangarda, artesanía e cultura” a través deste encontro que ten “relevancia nacional e internacional”.

María Rivas, a subdelegada do goberno, cualificou á Mostra como “o evento de encaixe máis importante do mundo” e puxo en valor ás “mulleres de Camariñas, sodes un exemplo de dedicación e todas merecedes o noso recoñecemento”. Por último, Gonzalo Trenor, o delegado da Xunta, destacou que “tres de cada cinco palilleiras galegas residen en Camariñas” e fixo referencia á internacionalidade do encaixe xa que “pódese atopar encaixe de Camariñas en calquera parte do mundo”.
Demostracións
Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presentes presenciarán o desfile do ‘Pequencaixe’ e, para rematar, acudirán á pasarela inaugural da Mostra, no que as firmas participantes amosarán por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista.
Desfiles

E despis, tocou comezar co verdadeiro foco de atracción da moda de todo o mundo. As pasarelas da categoría Grandes Deseñadores trouxeron 12 firmas de primeira orde: Amaya Fernández, Ana Cabranes, Devota&Lomba, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, Lalacó Atelier, Sara Lage, Jorge de Álvarez e María Campaña, K-KOU e José Matteôs.
Non faltan tampouco os XXVIII Concurso de Noveis Deseñadores e o desfile de ‘ArtEncaixe’, xa que ata o domingo 17 de abril, o municipio camariñán será unha das paradas obrigatoria nesta Semana Santa da Costa da Morte.

NOVAS RELACIONADAS
- Mostra 2022: As vodas e o mar non faltarán na Mostra.
- Mostra 2022: Stolt Sea Farm volve a ser un dos principais patrocinadores da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas.
- Mostra 2022: A Mostra do Encaixe únese á loita contra a Ataxia.
- Mostra 2022: Xabier Díaz porá a nota musical á Mostra de Encaixe.
- Mostra 2022: O desfile de ‘ArtEncaixe’ apóiase na Olería de Buño para consolidarse na Mostra.
- Mostra 2022: Camariñas exporta a Mostra a Oviedo como antelasa da gran cita de Semana Santa.
- Mostra 2022: Damián Álvarez xestionará a pasarela da Mostra do Encaixe para achegala aos grandes eventos de Milán.
- Mostra 2022: A Mostra do Encaixe 2022 busca voluntari@s.
- Mostra 2022: A Mostra de Encaixe 2022 xa ten participantes no Concurso de Noveis Deseñadores.
- Mostra 21: Unhas 10.000 persoas comprobaron o valor dos 30 anos da Mostra do Encaixe.