Camariñas participa no Proxecto REN, rede de municipios rurais europeos
Oito municipios europeos presentarán en marzo de 2015 en Camariñas actividades innovadoras desenvolvidas en zonas rurales de cinco países. A cita será nun encontro europeo no marco do “Proxecto REN, rede rural europea” nas súas siglas en inglés, financiado polo programa Europa para a Cidadanía. O concelleiro e o técnico do departamento de Desenvolvemento Local, Sergio Caamaño e Emilio González, acudiron a semana pasada á cidade italiana de Borgotaro para deseñar co resto dos socios o desenvolvemento do proxecto, que terá unha duración de dous anos.
O proxecto, que reúne aos municipios galegos de Camariñas e Vila de Cruces e a outros seis de Suecia, Finlandia, Italia e Croacia, supón a continuación da colaboración entre os municipios de Camariñas e Borgotaro tralo proxecto YPAD, mocidade e desenvolvemento, que reuniu ao ano pasado na vila do encaixe a máis de medio centenar de mozos europeos de catro países.
Actos abertos
O Concello de Camariñas quere invitar a este acto a todas as persoas, empresas e entidades que desexen coñecer as iniciativas económicas desenvolvidas nestes municipios. Os asistentes poderán ademais mostrar as súas actividades ante os visitantes europeos.
Quen desexen asistir a este encontro, tanto para coñecer as actividades económicas que se presenten como para dar a coñecer as súas empresas e iniciativas, poden poñerse en contacto coa Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Camariñas.
Novas relacionadas
- Camariñas aprende en Suecia como fomentar o emprendemento na mocidade.
- Europa aprende a envellecer activamente en Ponteceso.
- A mocidade camariñá ten a oportunidade de achegarse á europea co proxecto YPAD.
- Camariñas intercambia experiencias coa Young People europea.
- Europa coñece a Experiencia Social Xiria.
Fonte
- Concello de Camariñas.