Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Comezan as obras de ampliación do peirao no Porto de Camariñas

Comezan as obras de ampliación do peirao no Porto de Camariñas

A pasada mañá de mércores 16 de marzo, daban comezo oficialmente as obras de ampliación do peirao de Camariñas, contempladas dentro do Programa de Inversións ‘Camariñas, un porto cara ao século XXI’. Unhas obras que teñen un orzamento de 3.2 millóns de euros e que se rematarán no 2014. Se ben o investimento total da Xunta nas instalacións portuarias da localidade será dun total de 11,2 millóns ao longo dos próximos catro anos.

O comezo dos traballos de ampliación do peirao dá resposta a unha petición reiterada nos últimos anos polos usuarios do porto camariñán. Ademais, o ente público proxecta o acondicionamento do bordo portuario, un contradique, a mellora das instalacións pesqueiras, instalacións náutico recreativas, a urbanización da zona pesqueira e a ampliación dos espazos portuarios, dando prioridade no tempo ás dúas primeiras obras, que se estima estean rematadas en 2012.

Ampliación do peirao

En canto a obra que onte dába comezo, a ampliación do peirao, está cofinanciada nun 65% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder, e conta cun prazo de execución de 14 meses. Os traballos proxectados consisten na ampliación do actual peirao, construído nunha primeira fase de actuación, alargándose nunha lonxitude de 150 metros coa mesma alineación, e cunha anchura de 41 metros.

O novo muro do peirao de atraque, ao igual que o existente, disporá dun calado de seis metros nos primeiros 70 metros desta ampliación, e pasará aos oito metros nos restantes 80, rematándose cunha escollera en talud para amortiguar, no posible, a ondaxe incidente. O recinto creado será pavimentado adecuadamente para os usos portuarios aos que está destinado e instalaranse, tamén, os elementos complementarios necesarios, tales como escaleiras metálicas nos peiraos ou defensas verticais.

Así mesmo completaranse con elementos de amarre como boiardos de 50 toneladas, bitas de 65 quilos e argolas. En canto aos servizos levará as correspondentes canalizacións de auga, enerxía e electricidade, con rede de abastecemento e as súas correspondentes tomas. O alumeado contará con puntos de luz con proxectores de 400 vatios, sobre postes de once metros.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios