Domingo. 09.08.2020
El tiempo

David Carril, de gaiteiro a limpador nun hospital de Londres

Máis de 10 anos en Londres, o emigrante máis coñecido da diáspora camariñá, tamén sofre esta pandemia. Marchou para fuxir dunha crise económica e agora atopouse con outra peor. Tivo que deixar a súa gaita e buscar un novo traballo. Atopouno nun hospital de limpador. E alí viviu tamén escenas como as que se viviron en España hai semanas. Esta é a súa historia.
David Carril de gaiteiro en Londres a limpador de hospital
David Carril de gaiteiro en Londres a limpador de hospital
David Carril, de gaiteiro a limpador nun hospital de Londres

Chámome David Carril Castiñeira, e nacín en Xaviña (Camariñas) hai 39 anos. Cheguei a Londres hai dez, despois de perde-lo emprego que tiña de conductor de camión-hormigoneira debido ao parón da construción naquel momento. Levaba varios anos combinando empregos de diferente tipo co estudo da música tradicional galega, e tocando gaita en diferentes asociacións, pero a cousa non dou máis de si e decidín aventurarme a emigrar a Londres, grazas a un amigo que me conseguiu traballo e aloxamento.

Na capital británica non deixei a miña paixón e, dun xeito sorprendente, enseguida conseguín diversos traballos que ía compatibilizando co meu posto de conserxe nun tribunal. Contratáronme no restaurante do Centro Galego para animar as noites do fin de semana e os veteranos galegos da cidade, cando necesitaban un gaiteiro para determinado evento, contaban comigo.

Tamén no meu afán de atopar un lugar onde poder practicar, achei un posto na Ponte de Westminster, ao lado do famoso Big Ben, onde os gaiteiros escoceses que alí traballaban, recelosos ao principio, me acolleron coma un máis da familia.

Co tempo, eu tamén me animei a mercar un traxe e gaita escocesa, e con eso conseguín máis traballos e mellor pagados, como vodas árabes, eventos do SNP (Partido Nacional Escocés), as tradicionais Burns Nights (Unha festa anual adicada ao poeta máis popular de Escocia onde se celebran a literatura e tradicións escocesas, semellante dalgún xeito ás nosas Letras Galegas). O traballo de conserxe era xa historia.

Así, neste afán por mellorar na gaita escocesa sen deixar de lado a miña propia, me colleu a pandemia do Covid-19. Dun día para outro tiven que aparca-la miña vida cotiá e adaptarme ás novas circunstancias.

Aínda que pronto conseguín o Universal Credit (prestación por desemprego) eu non era amigo de ficar na casa. Pensei que sería útil dalgún xeito e atopei un traballo nun hospital do norte de Londres, facendo limpeza. Era un momento no que a xente non quería eses traballos por consideralos perigosos, pero para min era unha nova aventura, ademáis de unha posibilidade de axudar e de escapar do confinamento.

Pensei en atopar un escenario coma os que vía na prensa española, pero ese hospital era pequeno, normalmente adicado a rehabilitación de xente maior con problemas de mobilidade e naquel momento (empecei o 31 de marzo) había sospeitas pero ningún caso confirmado.
Na terceira semana lembro que o venres xa tiña un caso confirmado na miña área e o luns, cando volvín, xa eran todos pacientes confirmados agás un par deles. Os compañeiros comentaban que o hospital veciño, moito máis grande, non daba abasto e mandaban os casos máis leves ou xa recuperados ao noso hospital para pasar a cuarentena.

A área de consultas externas seguía aberta pero con servicios mínimos e moitas medidas de precaución e nas habitacións de internos notábase tensión entre o persoal. Ao principio os limpadores tiñamos mellores equipos de protección que os sanitarios, e mentres algúns ironizaban sobre os nosos traxes de protección persoal (PPE en inglés) outros estaban máis intranquilos e pedíannos algún de sobra. Eso pronto cambiou, pois na empresa deixaron de envialos, alegando que non os necesitabamos, e que non precisabamos achegarnos aos pacientes con Covid a menos de dous metros. A nosa única protección naquel intre eran as mascarillas, as luvas, e unha ducha despois de limpar habitacións infectadas. Ao mesmo tempo os equipos de protección dos sanitarios mellorou por varios motivos, polos que lles enviaba o goberno e pola doazón de particulares.

É moi bonita a historia que contaba unha enfermeira que traía as máscaras de protección facial. O seu veciño, despois de perder a súa nai por esta enfermidade, dedicouse a fabricar estas máscaras para doalas ao persoal sanitario.

Hoxe en día xa non temos pacientes infectados no noso hospital, a xente está moito máis tranquila i eu sigo mirando adiante con optimismo. Teño dúas vodas confirmadas este verán, e polo de agora estou enfocado no documental que está preparando Alessandro Bordin, un antropólogo italiano, sobre a miña persoa, no que se recollen escenas da colectividade galega en Londres, así como da miña conexión ca cultura escocesa e do protagonismo da gaita na vida londinense.

Novas relacionadas

Fonte

  • Vía Galicia Confidencia.

comentarios