En marcha a reforma do pavimento do pavillón de Camariñas
Galitec Desarollos Tecnológicos será a encargada de realizar as obras de reforma do pavimento do pavillón municipal O Areal de Camariñas. A través dos fondos do Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña, e cun investimento de 68.766 euros, adecuaranse os pavimentos deportivos ás normativas vixentes.
Para elo, será preciso executar unha nova soleira de formigón na zona das pistas, que proporcione a horizontalidade e planeidade requirida. A base executarase en formigón armado con malla electrosolada, e sobre ela disporase unha lámina de polietileno.
O pavimento deportivo terá unha estrutura e base de espuma, cuns materiais que se caracterizan pola súa durabilidade, fácil mantemento e alta protección das articulacións. O acabado será do tipo GraboSport Extreme, recomendado para as pistas deportivas, xa que axuda a previr os accidentes causados por resbalóns ou o bloqueo dos pés.
Complementariamente, tamén se executarán correccións nas ramplas de acceso aos vestiarios e os baños, para eliminar os desniveis e adaptalas á cota dos novos pavimentos.
Estímase que o proxecto estará terminado no prazo dun mes, a partir do inicio dos traballos.
Fonte
- Deputación.