Mércores. 16.10.2024
El tiempo

O Carballo por etapa vendeu 20.000 tapas en dúas fins de semana

O Carballo por etapa vendeu 20.000 tapas en dúas fins de semana
Carballo por etapas 1

Nunca fallan estas rutas gastronómicas pola Costa da Morte. Non había máis que pasar o venres, ou o sábado pola noite polo centro carballés para comprobalo. Bares ateigados e cociñas sen parada. O Carballo por etapas 2016 colleitaba un novo éxito, cunhas 20.000 tapas vendidas, excelentes críticas da clientela e o tren turístico cheo todos os días. Deste xeito, a valoración global dos 19 establecimentos participantes é moi positiva sobre a cuarta edición tralas dúas fins de semana desta ruta organizada polo Concello de Carballo e Axober.

Os establecimentos entenden ademais que esta ruta non só serve para aumentar o número de ventas nos propios días, senón que se trata dun evento de promoción turística que atrae a visitantes de toda a contorna.

Así estaba a rúa da Coruña estes días Así estaba a rúa da Coruña estes días

Na primeira fin de semana, dedicada ao atún Calvo, os hostaleiros e hostaleiras botaron man da imaxinación para servilo en ducias de tapas diferentes: en canelóns, hamburguesas, montadiños, filloas, pastel, milfollas, tostas... Demostraron, en definitiva, que o atún ten infinidade de aplicacións na cociña. E esta fin de semana volveron a sorprender á clientela con todo tipo de propostas elaboradas con produtos típicos da comarca: fabas, grelos, polbo e ovos caseiros foron os protagonistas xunto a todo tipo de verduras, carnes, peixes, pastas e arroces, e mesmo houbo quen se atreveu con doces sobremesas para completar o menú. Bodegas Carballo, outro dos colaboradores na ruta xunto con Proquiber, tamén achegou novidosas bebidas, como sangrías branca e vermella en envases de deseño.

O tren turístico cedido polo Concello de Cabana de Bergantiños tamén volveu a ser un éxito, especialmente entre os máis pequenos, que o coparon todos os días, ao mesmo tempo que contribuíu a reforzar o atractivo turístico da ruta. Este ano en Carballo por Etapas participaron 19 locais: A Barra Bar, Cafés A Cafeteira, Cafetería Abastos, Café Bar Embajador, Café Bar Ginebra, Cafetería Habanos 79, Cafetería Xorima, Cervecería Ágora, Cervecería Beos, Cervecería Dublín, Cervecería La Bombonera, Cervecería-Tortillería O Casino, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante-Vinoteca, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Tapería Aturuxo e Trattoria Pizzería Vesuvio. Nos vindeiros días celebrarán unha xuntanza cos organizadores para realizar unha valoración máis polo miúdo.

O tren turístico por Carballo O tren turístico por Carballo

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios